Mostrar mensagens com a etiqueta Lingua. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Lingua. Mostrar todas as mensagens

13 de junho de 2010

Jordi Janeiro

Con data de 12 de Xuño do 2010, o Portal Galego da Língua publicou un artigo moi esclarecedor sobre algunhas consecuencias mentais da ruptura coa tradición ortográfica galaico-portuguesa e como os galegos vimos escribindo a nosa lingua dende que se representa graficamente (por José Ramom Pichel Campos).

Jordi Janeiro

A maioria dos galegos, quase o 99% lê a dia de hoje o título deste artigo assim jordi lê-no "lhordi" e janeiro lê-no "janeiro" com j castelhana. E isto é uma grande carência do nosso sistema educativo. No entanto qualquer galego quando lê "Mourinho" lê "Mouriño". O poder da televisão e do futebol é superior ao do sistema educativo nalguns casos.

Mas falemos de dicionários electrónicos, dicionários que terão muito mais uso no futuro. Pois bem, Galiza é um lugar com grande produção em dicionários electrónicos. Temos desde o galego-português medieval até contemporâneo. Muitos séculos compendiados da nossa história em formato digital.

Existem na actualidade diferentes dicionários electrónicos como o dicionário de dicionários ideado por Antón Santamarina antigo director do ILG, uma jóia da tecnologia que guarda muitíssimo léxico galego de mais de vinte dicionários realizados desde o século XVIII. Também o dicionário de dicionários medieval do Ernesto González Seoane e Ana Boullón, que recolhe muitas palavras com as suas definições em todas as grafias medievais maioritariamente etimológicas. A Universidade de Standford pediu há anos exemplares do dicionário de dicionários contemporâneo e medieval e fijo várias resenhas em revistas especializadas sobre estas obras.

Também há menos de um mês aparecia em Moanha (Ponte Vedra) um documento no arquivo histórico de São Martinho um testamento escrito do 9 de Novembro de 1466. Neste pergaminho na notícia aparecida no Faro de Vigo diz o seguinte: "En el pergamino se aprecia como en 1466 los textos escritos en el idioma propio de Galicia ya utilizaban la letra "j" para sustituir a la "x" en muchas palabras, aunque simbolizando el mismo fonema, como ocurre en el portugués actual".

Pois bem, na maioria dos dicionários galegos feitos antes da guerra que são a maioria dos dicionários, e incluo também o da RAG (1913-1926) todas as palavras escreviam-se com ortografia etimológico, isto é, a mais próxima ao latim, isto é a que usa o português em Portugal e no Brasil. Escrevia-se "gente" e "jeito", só que se pronunciava como pronunciamos "shente" e "sheito". Escrevia-se "chouriço" e pronunciamos "chourizo" ou "chouriso".

Ao galegos não nos contam toda a verdade sobre o nosso idioma, toda a nossa potencialidade, pésie a ser uma potência em lexicografia computacional e a ter grandes eruditos. Continuaremos a ler jordi janeiro como sempre, à espera de que alguma TV nos pronuncie janeiro como é devido.

(*) Artigo publicado na coluna Medo aos aviões, do jornal Galicia Hoxe.

7 de junho de 2010

Novos capítulos do Ben Falado!


Boas noticias! Hoxe ás 15:30 a TVG emitirá un novo capítulo do noso programa de cabeceira, o microespazo da lingua galega Ben falado!, un programa que nos anos 2008 e 2009 achegou ás nosas casas un traballo divulgativo imprescindible. Xesús Ferro e os sus colaboradores elaboraron pequenas leccións sobre a historia da nosa fala, os usos das palabras, as variedades xeográficas, a pronuncia, o refraneiro galego, a ortografía... Dende xullo do 2009 non tivemos noticias do Ben falado!, o cal creou moitas preguntas. Moita xente pediu a súa volta e mesmo se chegou a crear un grupo no Facebook, Queremos "Ben Falado". Hoxe as dúbidas teñen resposta coa emisión do capítulo 250.

Reproducimos algúns fragmentos da entrevista que o diario A Nosa Terra fixo ao director do programa Xesús Ferro Ruibal, no que avanza algúns ingredientes desta nova etapa:



Primeiro capítulo (21/07/2008).

"Como novidade imos introducir nun principio dúas seccións mensuais. Unha delas situará a lingua galega no contexto das linguas románicas para ver como evolucionaron as verbas do latín ao galego e coñecer como foi esa conversión noutras linguas romances. A outra sección nova, baixo o título Ecoloxía Lingüística Internacional, presentarase como un noticiario no que se darán a coñecer os acontecementos e procesos semellantes de normalización lingüística que se están facendo en todo o mundo para situar o esforzo de normalización lingüística do galego no contexto mundial."

"A través de entrevistas e reportaxes nas que amosamos o esforzo normalizador dun centro escolar ou unha empresa, nas que falamos con persoas que en universidades estranxeiras aprenden o galego e o falan con naturalidade, ou recollemos expresións da nosa fala, queremos que a xente se sinta mellor coa súa lingua. Porque como dicía Uxío Novoneyra, "a lingua é o único sitio onde os mortos seguen vivos". O galego é un patrimonio e nós queremos darlles visibilidade ás emocións relacionadas coa lingua da xente."

"Os temas que tratamos teñen vixencia sempre porque, precisamente é a lingua a que tira por nós. De feito dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística enviáronse aos centros de ensino de toda Galiza e a universidades do estranxeiro unha selección de 80 capítulos de Ben Falado que me consta que se usan como material didáctico nas aulas para explicar moitos temas lingüísticos. Isto tamén quere dicir que o galego é un dos elementos máis vivos da nosa cultura."

"Descoñezo se co programa a xente vai falar mellor ou vai ter maior interese polo galego. O que descubrín nas gravacións é que a xente das aldeas fálao moi ben e, aínda que non sexa consciente, ten unha maneira literaria de falar porque usa figuras estilísticas e ten unha vontade de estilo. Grazas á xente do rural o galego conserva unha gran riqueza léxica e fraseolóxica. Por iso lles teño moito respecto."

"a Televisión de Galicia é unha das mellores cousas que lle aconteceu á lingua galega nos últimos 1.000 anos pola súa capacidade de difusión e por ter o noso idioma como un feito diferencial. Conseguir que cousiñas tan pequenas como o Ben Falado se sigan diariamente nos cinco continentes ou se garden para usar cos alumnos de galego de todo o mundo é posíbel pola existencia da TVG."




Xesús Ferro Ruibal nun capítulo de Ben falado!

Como adoita dicir Xesús Ferro ao se despedir, fechando e abrindo rápido a man como fan os galegos, aí vos vai un grande...

abur!

21 de maio de 2010

Campamento de inmersión lingüística


Os Biocos, antigas minas romanas no concello de San Xoán de Río.

Con frecuencia os que pensamos sobre o futuro do galego preguntámonos pola educación dos máis pequenos. Recentemente chegou ao noso correo un email de Ánxela González (Altega S. L.) anunciándonos que están a organizar un campamento infantil de inmersión na lingua galega no albergue dos Biocos (Terra de Trives). Puxo ao noso dispor un número de teléfono (988 391 389) para calquera pregunta ou suxestión. Tamén sinalou que se houber algunha ANPA, asociación ou outro grupo interesados están dispostos a se achegar para ter unha charla informativa sen ningún tipo de compromiso.

Reproducimos a información enviada:

O campamento de inmersión na lingua e na cultura galega é unha iniciativa de Altega, S.L. para que os nenos e as nenas activen as súas competencias lingüísticas en lingua galega de xeito pleno. Os nosos campamentos están respaldados por unha metodoloxía que garante a educación en valores, fundamental para potenciar a curiosidade, razoamento e capacidade crítica das/dos participantes dende unha perspectiva lúdico-educativa.

O campamento realizaríase no albergue d'Os Biocos no Concello de San Xoán de Río, entre os Concellos de Castro Caldelas e A Pobra de Trives. O transporte dende a vosa comarca correría pola nosa conta.

Respeto ás quendas e á duración dos campamentos, poderiades escoller entre as seguintes opcións:

1ª Quincena de Xullo
- Dende venres 2/Xullo - ata venres 9/Xullo: estancia de 8 dias (7 noites)
- Dende venres 2/Xullo - ata martes 13/Xullo: estancia de 12 dias (11 noites)
- Dende venres 2/Xullo - ata venres 16/Xullo: estancia de 15 dias (14 noites)

2ª Quincena de Xullo
- Dende domingo 18/Xullo - ata domingo 25/Xullo: estancia de 8 dias (7 noites)
- Dende domingo 18/Xullo - ata xoves 29/Xullo: estancia de 12 dias (11 noites)

* Consultar dispoñibilidade no mes de Agosto.

A programación e organización de actividades lúdicas, didácticas e de ocio xirarán entorno ás propias do SpaceCamp (relacionadas coa astronomia, coa ciencia e a tecnoloxía). De preferirdes unha temática para o campamento traballaríase esta coma eixo central do mesmo (por exemplo, "campamento histórico sobre a cultura castrexa"). Obviamente, o persoal sería todo galego-falante creando un espazo lúdico onde os nenos e as nenas vexan recoñecido o galego coma unha ferramenta útil no uso diario e no ámbito científico.



Mapa do concello de San Xoán de Río (fonte: www.concellosanxoanderio.com).

20 de maio de 2010

Palabras galegas na lingua portuguesa


Páxina de inicio da web priberam.pt.

O mundo dos dicionarios de lingua portuguesa está de celebración dende que a Academia Galega da Lingua Portuguesa, en contacto coas academias dos países lusófonos, introduciu unha listaxe de máis de mil palabras de uso na nosa lingua nos dicionarios do país veciño.

Non faltan opinións de todo tipo no eterno debate da identidade do galego. Se por unha banda os lingüistas non dubidan ao afirmaren a pertenza das linguas galega, portuguesa, brasileira (etc) ao mesmo diasistema lingüístico, procedente do tronco galaico-portugués, a opinión dos falantes é menos homoxénea. Basta ler comentarios dos lectores desta nova para comprender a controversia.

"Non me sinto español nin portugués. Síntome galego, e falo o idioma galego. Recuperar vocábulos e "restaurar" a lingua galega é algo que aprobo; por iso me encanta grazas, e todos eses novos 'retoques'. (...) E en Galiza en galego, non en portugués. O noso idioma é o galego, e o dos portugueses é o portugués. (...) Isto non quita que me encante Portugal; de feito estiven no Porto hai dous meses escasos. Muito fermoso!"
(Galegazo, "Só galego".).

Ou estoutro:

"(...) Cando eu era neno, habia un aparello no carro que se chamaba travón, cando os carros deiraxon de andar polos camiños e viñeron os coches a ese aparello empezou a chamárselle freo. Por influencia do castelán. Eu de pequeno decialle a meu tio: tio ¿vou consigo?, tio esto é pra si. Agora diria tio, ¿vou con vostede?. Por influencia do castelán. ¿ Non consideras amigo GALEGAZO que non estaría de máis estar máis en contacto coa lingua portuguesa, ainda que os dous idiomas sexan distintos? (...) ¿Acreditas (portugués), dar creto (galego do de antes)? Saudos."
(Manuel, "Para galegazo" [As ligazóns son nosas]).

En todo caso, existe unha certeza:


A Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP) e a empresa informática Priberam assinaram o dia 26 de abril, em Lisboa, um Protocolo de Cooperação que explicita, entre as atividades a desenvolver: “A incorporação progressiva nas bases de dados e nos programas informáticos da Priberam dos conteúdos da norma galega do português, nomeadamente no relativo ao léxico, semântica, sintaxe e fraseologia”.

O primeiro passo na sua concretização é a inclusão do Léxico da Galiza no Vocabulário que a Priberam disponibiliza na internet, consultável desde o 27 de abril. Nesta primeira vez constam 1092 palavras e as respetivas flexões, de uso corrente na fala quotidiana ou na língua literária da Galiza. O Protocolo inclui a atualização regular deste léxico e a elaboração das suas definições, que serão integradas no Dicionário Priberam e noutros produtos desenvolvidos por esta empresa.

(Tirado de http://aglp.net/index.php?option=com_content&task=view&id=101&Itemid=31).




Tes acceso ao Dicionário da Língua Portuguesa Online a través da sección de dicionarios deste blogue.

13 de maio de 2010

Participación no eufalo.tv


Caros amigos,

Este sábado 15 as Conversas galegas celebran a proximidade do Día das Letras. Desta vez, para unírmonos ás reivindicacións pola lingua galega imos colaborar no proxecto documental web de eufalo.tv. Gravaremos un vídeo de 15 minutos no que vós faledes e aportedes a vosa opinión. Todos os que queirades podedes vir e participar!

A gravación do vídeo será ás 17 horas no bar Matthews da Coruña.

Se desexades vir no horario habitual podedes achegarvos máis tarde á nosa tertulia, de 18:30 a 21:00.

1 de abril de 2010

A xanela

"A Xanela" (2010) from daria on Vimeo.

Recentemente descubrimos este vídeo feito por unha estudante rusa de galego. Pasou un mes en Compostela e preguntou a opinión de moitos dos seus habitantes sobre a nosa lingua. A priori nótase que o clima lingüístico desa vila parece máis sosegado que o de aquí (os de eufalo.tv xa se aproximaron). Esperamos que o desfrutedes.

20 de março de 2010

Eu falo!

Alguén dixo que na Coruña non se fala galego. Como é iso? Isabel Risco desmonta este tópico co mellor humor:


"Porque aquí en Coruña tamén se fala galego, que carai, se daquí son as Irmandades da Fala, pero por favor!"

Que A Coruña é unha cidade galega sobra dicilo, mais nestes últimos meses tamén descubrimos que historicamente sempre turrou polo recoñecimento da nosa cultura. Efectivamente aquí tivemos as Irmandades da Fala, a Cova Céltiga, a Real Academia Galega, o grupo de teatro O Facho e outras moitas iniciativas galeguistas. Na Coruña fálase galego? Pois claro.

Para quen queira saber máis, eufalo.tv é un proxecto de documental colaborativo que partiu d' A Navalla Suíza e dun equipo de colaboradores de alto nivel.

É unha historia colectiva sobre a lingua, dende o punto de vista dos seus falantes. É, por tanto, unha historia feita a partir de pequenas historias, un discurso feito con moitos discursos diferentes e variados. Que cada quen tire as súas propias conclusións.

Non esquezades entrar!

12 de março de 2010

O polbo primeiro cómese e despois...

Chave do título: Quen coñeza a frase ben saberá como remata. Quen non, deixe voar a imaxinación. ;-)


Viñeta irónica sobre as NOMIG (Estampas do mundo elegante, 1992).

Con motivo dun recente artigo publicado na web de Sei o que nos figestes... nos últimos 525 anos intitulado Carlos Luis Rodríguez em acçom, reparamos na figura dun insigne humorista gráfico que debería ocupar unha páxina completa na enciclopedia da banda deseñada. Falamos de Xesús Campos Álvarez, Chichi Campos, do que queriamos facer unha pequena referencia cunhas poucas obras e informacións que atopamos del na Internet, coa intención de descubrir máis sobre este autor co paso do tempo.


Benvido, Santidade (1989).

Non será este o único debuxante que visite as nosas páxinas, pois dende hoxe as Conversas Galegas teñen un espazo reservado para o humor.

19 de fevereiro de 2010

Argumentos, por favor!


Disponibilizamos dous traballos de máximo interese para quen necesite ampliar perspectivas sobre sociolingüística e sobre modelos educativos. Son:

-O libro publicado pola plataforma Prolingua "
55 mentiras sobre a lingua galega".
-A conferencia de Pablo Gamalho intitulada "
Modelos linguísticos para a educação".

Se visitamos unha libraría de temas galegos como Couceiro, na Coruña, poderemos encontrar máis dunha ducia de publicacións e estudos sobre sociolingüística, escritos nas últimas tres décadas. Todos eles veñen tratando a posición da lingua galega na sociedade e as solucións para a coexistencia co castelán. Ata hai pouco, eran un recurso básico para os estudantes de filoloxía mais agora, a súa lectura parece indispensable para todos os galegos.

Nun momento no que voces públicas están a cuestionar sen disimulo os principios máis elementais da normalización lingüística, necesítase información. Neste contexto, recollemos a última iniciativa da plataforma Prolingua, a publicación do libro "55 mentiras sobre a lingua galega". Presentouse o 5 de febreiro en 69 vilas do mundo e nós adquirímolo para as Conversas do día 6. É unha boa contribución para quen necesite argumentos a favor do galego. Aí vos vai unha presentación gráfica:



Presentación/resumo da publicación "55 mentiras sobre a lingua galega".



Na liña dos modelos lingüísticos na educación (tema que infelizmente neste país é fonte de conflito) facilitamos tamén a presentación dunha conferencia feita polo profesor Pablo Gamalho no 6 de febreiro deste ano baixo o título "Modelos linguísticos para a educação", accesible dende o PGL. Nela, explícanse os modelos educativos do Quebec, Cataluña, País Basco, Galicia e Burela. Non só demostra que a Xunta é o goberno autonómico que menos recursos ten empregado para que os alumnos adquiran competencia nas dúas linguas cooficiais (un completo fracaso), mais que o modelo educativo da Cataluña, de inmersión en catalán, é o único que nos últimos 30 anos conseguiu este obxectivo.

18 de dezembro de 2009

Centro de Saúde: lingua sobre lingua


O pasado 13 de Decembro, varios habituais das Conversas galegas acudimos ao local da asociación Manicómicos, na Coruña, para participarmos nunha experiencia de teatro-fórum, unha variante na que o espectador pode intervir para mudar o final da obra. A peza que fomos ver titúlase "Centro de Saúde" e representa o conflito lingüístico na Galiza inspirándose nun feito real de discriminación que aconteceu no Servizo Galego de Saúde. Este método coñécese como teatro do oprimido, e debe o seu nome ao brasileiro Augusto Boal, finado en Maio deste ano.


O máis destacado deste xeito de facer teatro é que actores e público entran en contacto dende o primeiro momento: todos xuntos rachan a liña invisible que separa os asentos da zona de actuación e participan nuns xogos de animación. Cando a xente xa está preparada e desinibida, comeza a actuación. E despois aínda se rachan máis límites, pois se pregunta ao público a opinión sobre o acontecido e entón comeza un intenso debate entre actores e espectadores. Cando alguén do público pensa que ten unha solución ao problema exposto, entón vólvese representar fielmente o final da actuación e ese alguén pode participar modificando o papel da personaxe oprimida.


Neste particular "Centro de Saúde" escenificouse o conflito sucedido entre unha castelanfalante e unha galegofalante, demostrando ata que punto se poden tensar as cousas cando non hai vontade de comprenderse. Unha doutora galega séntese incómoda cunha doente que fala galego e, violentada por elo, insístelle en que se comunique en castelán. A doente primeiro discute con ela, mais comprende que necesita atención médica e finalmente desiste, baixa a testa e obedece.

Esta situación discriminatoria, acontecida nunha vila galega, non deixa de ser real e ao mesmo tempo incrible, e rapido apareceron as reaccións. O público participou moi activamente e escoitáronse moitos argumentos e reflexións. Tamén se debateu sobre outros momentos da obra protagonizados por personaxes diglósicas.

Ao finalizar o acto, os actores aplaudiron ao público. Foi un pracer descubrir esta orixinal fórmula teatral, realmente estimulante! A ela asistiu, entre os actores, a nosa amiga Carmen. Esperamos que a volvan repetir.

6 de novembro de 2009

O espazo xeográfico das linguas


Preme na imaxe para ver a evolución cronolóxica.

Este mapa accesible na Wikipedia representa a evolución das linguas suroccidentais da Europa dende o ano 1000 ata a actualidade. Unhas en expansión e outras en retroceso. Ao final do percorrido obsérvase ben que as fronteiras culturais e lingüísticas non coinciden coas políticas.

Neste punto o galego non é excepción. A nosa lingua ten documentada unha presenza histórica de falantes fóra dos límites administrativos galegos actuais... e do mesmo xeito, existe unha realide innegable: o castelán penetra en territorio galego con grande influencia e poder substitutivo (habendo xa galegos que o consideran lingua propia).

Se miramos máis ao sur, a lingua galega evoluciona baixo unha dinámica ben diferente. Non sometida á unha disputa de usos sociais con outra lingua, é a oficial dun Estado do que recibe un novo nome: portugués.

2 de outubro de 2009

Soleira (2)

Novamente pasan polas nosas mans as opinións de Fole, con outros fragmentos de "Soleira" (Contos da néboa). Desta volta tratando da nosa fala... e dos galegos. Algunhas críticas, case 40 anos despois, aínda están de actualidade.

A NARRATIVA CURTA

Penso eu que as dúas formas verdadeiramente populares da nosa literatura son a cántiga e mailo conto. Son o gran elemento estético conservador do idioma. Hai moitos que somentes falan de cando en cando o galego, inque traten con labregos decote e fosen nados nos nosos eidos. Si non esqueceron o galego, na cidade ou na vila, é outramente porque lles gostan os contiños galegos e tamén cantar galegadas. E nada máis. Cecais se acorden dalgún poema de Curros ou algún conto de Castelao.
(...)
Polo que a min vén, o conto de tipo pantástico nin me vai nin me vén. Penso que a narración de gran valer está-máis ou menos-comprometida coa realidade. (...) A xenial invención está condicionada pola realidade. O gosto polo pantástico é máis ben un gosto de pobos arredados do seu deber, de homes que renuncian a todo inconformismo. Que non teñen máis problema que o da súa persoal comenencia. Alporízanse todos, como as pitas cando ven un cadelo, cando lles falan de dereitos, deberes ou reformas a fondo.

(...)

O ESCRITOR
(...)
A fazaña meirande dos escritores galegos sería cambea-lo noso clima moral. O clima moral, que deixa tanto que desexar nalgures, e tamén na nosa Galicia.


A SOLIDARIDADE GALEGA

(...) Antre os galegos debe haber moita máis comunicación da que hoxe hai antre Ribadeo e Tui, antre a Coruña e Verín. O galego non debe vivir isolado do galego. Tampouco a nosa prensa é tan galega como debería sere.

A concencia do que é e pode sere Galicia inda hoxe non é popular. Pra moitos galegos, a súa terra é un verde recanto na España ollada dende Madrid.



O HOME GALEGO

Do home galego díxose que era il sentimental, sofrido, cun humor seu moi gracioso.

Por sere Galicia un pobo de emigrantes, de probes que van buscar traballo a outras terras, o galego foi minusvalorado e tamén dispreciado.

Mais o galego cabal, como il debe ser, éo á forza de aldraxes. Non lle intresa, maiormente, que o gaben nin que o rebaixen. O que non lle gosta é que o confundan co andaluz, o castelán ou o levantino. Non quere sere máis que galego. Diante de Deus e diante dos homes. Con elo abonda. Pra que se seipa...

Eu pre min, a grande e laudábel condición do galego é a súa ben ademostrada tolerancia. Si vive, tamén deixa vivir.


ARENGA POLA NOSA MÚSICA
(...)
Cando Galicia deixe de cantar en galego, Galicia será nada máis que a suma de catro provincias de España.

27 de setembro de 2009

"Perdón polo meu galego"


Ánxel Fole, cuarto pola esquerda, acompañado por Domingo García Sabell, Francisco Fernández del Riego, Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro, membros de Galaxia, na serra dos Ancares (vía As Uvas na Solaina).

As Conversas Galegas teñen dous escenarios coñecidos, o bar Matthews da Coruña e este pequeno espazo da Internet. O blog non é un simple lugar onde anunciar as convocatorias e publicar imaxes, é tamén unha plataforma para expor algúns dos temas sobre os cales conversamos e inducir ao coñecemento da nosa cultura mediante artigos divulgativos. Por elo achamos interesante reproducir o seguinte texto, que mostra a perspectiva do Ánxel Fole (1903-1986) sobre a escrita dialectalista do galego, que gozou de grande aceptación no século XX e tiña o seu respaldo gráfico nas normas do idioma anteriores ao 2003, hoxe superadas.

Como xa temos explicado neste artigo e nestoutro, na actualidade preférese escribir a lingua galega baixo unhas normas convencionais non especialmente foneticistas, que sexan comprensibles por todos os falantes e constitúan unha forma estándar (quer as NoMiG ILG-RAG quer a norma AGAL). Este é o camiño seguido por outras linguas modernas do noso entorno sen que isto choque coas realizacións propias de cada zona ou persoa: fala e escrita seguen cursos diferentes.

Mais sempre podemos tirar as nosas propias conclusións. Como explica moi ben un bo amigo das Conversas, o usuario dunha lingua é ao mesmo tempo un creador, e pode permitirse certas licenzas léxicas e gráficas que se adapten á lingua que ten na mente. Por isto mesmo, non rexeitamos a opinión deste literato lucense, que foi un namorado das falas da montaña oriental e nos merece, independentemente da criticable actitude que a súa xeración representou para a historia do país, o máximo respecto.

Fragmento de "Soleira", preámbulo dos Contos da Néboa (Editorial Galaxia, 1973):

PERDÓN POLO MEU GALEGO

Pido perdón polo meu xeito de escribi-lo galego, inque sabendo que non teño por que pedilo. Sempre teimei de escribire un galego que fose galego falado. E conserva-la súa fonética, non alterala na escritura. Por iso mesmo conservo os guiós, que lle dan á escritura do galego un certo aspeuto ortopédico. Arrepresenta-lo galego asegún se fala é unha procura vella en min. Góstame ben máis, poño por caso, escribir tódolos días que todos os días. Se o ele soa na frase, penso que se debe conservar.

Nunca fun defensor do galego puro; máis ben un defensor do galego vareado, rico, tal como aínda se fala hoxe en moitas comarcas. Coas súas síncopas, paragoxes, aféresis, enclitismos, proclitismos e apócopes carauterísticas. Escribo
despoixas en vez de despois xa. Ou seica e non sei que. E tamén conservo as antigas metátesis. Poño por caso fídagos, e non fígados...

Nos derradeiros movementos literarios galegos rexístrase unha tendencia cara á fala popular, integrando tódolos xeitos comarcaes.

Xa sei que o galego mal se pode defender da castelanización. Inda nos que falan un galego máis enxebre, atópanse barbarismos dabondo. Xa cuasemente ninguén di
gañar, a non ser na montaña. Todo o mundo vai por ganar. En poucas bocas se conserva o e de escuro. Vaise decindo oscuro afeito. Mais iso quer decir que se debe escribir según o falan os que millor galego empregan.

A grandísima variedade do galego, moi semellante á do castelán do sigro XV, inda hoxe, é precisamente unha escrarecedora nota da súa tipificación. E débese refrexar no escrito. Si decimos
nebra tamén podemos decir néboa. E se escribo outro, tamén podo escribi-lo máis arcaico autro. Se por Queiroga din un souto de castiñeiros, por Portomarín inda din un sauto de castiñeiros. Si por Lugo din inda que, polo Incio din inque, co mesmo siñificado.

Logo non se haberá de estranar un si tanto escribimos
bidueira como bídalo. As verbas do galego varean en poucos quilómetros. Cando en Sarria din enoxar, no Incio din, máis arcaicamente, enodiar.

Unha das funciós e misiós da literatura actual galega é a de restaura-la pureza do galego. Restaura-lo galego, simpremente. Mais isto non é nada doado. Antre outras cousas, porque non se entende ben a custión. O que é arcaico ou crásico nunha comarca non é o arcaico ou crásico na outra. Tan arcaico é o
lostrego ou lóstrego da terra luguesa como o é o alustre do Caurel.

A literatura culta, escrita, collendo de eiquí e de eilí, vai formando, engordiño, paseniño, a futura unidade do galego literario. Por iso ninguén debe iñorar, poñemos por caso, que
pre, que se di en Becerreá, é tan galego como pra, que se di cuasemente en toda Galicia.

De cando en cando atópanse falas que relocen como o ouro, que soan moi ben, que son eufónicas sen comparanza. Cando vai descobrendo o ceo, dempois da treboada, os labregos da veiga de Sarria din que
estralampa. Cecais seña ista a verba máis fermosa do galego.

Mais eu non quería decir todo isto. Tiña o ollo posto nautra custión. Agora verá o leutor...

11 de setembro de 2009

Xa levábamos ben tempo sen música...



Por iso presentamos "Coa lingua de fóra", canción do último disco do grupo galego Quempallou. Gústanos moito a letra, e tamén a interpretación. E disto último imos falar un pouco.

Se ouvimos ben, identificamos fenómenos que poden extrañar. Son as frases inda qu'algún non s'entere, que por ti x'o falo eu e qu'en galego sempre quixemos vivir. Isto ten a súa explicación.

En galego é moi común fusionar algúns sons vocálicos cando aparecen vogais no fin dunha palabra e no comezo da seguinte. A causa disto, unhas vogais siléncianse e outras ábrense, o que se coñece como sinalefa. Isto pode ser considerado por xente pouco informada como un defecto, mais en realidade é mostra de que o falante ten un bo dominio da fala, que se sente cómodo usándoa. O resultado é un falar fluído, non artificial nin entrecortado, e iso é o que debemos procurar.

É facil observar que o cantante realiza algúns finais de palabras engadindo sons de apoio. Estes non son especialmente propios da fala normal, mais emprénganse e empregáronse moito na música tradicional galega. Falamos do e auxiliar de moito traballiño deu-e, que tamén se une ao n nasal final en que trunfara a razonhe e que nos sae do corazonhe. Tendo en conta a métrica e a rima, estas son sílabas que completan a lonxitude desexada para cada verso.

En contraste con outras linguas como o inglés ou o francés, a maior parte destas características da lingua oral non se reproducen no galego escrito, aínda que está admitido o uso do apóstrofo para representar expresamente os mencionados fenómenos en frases ou expresións populares ditas por alguén. Sexa como for, son elementos que aportan información moi interesante para o lector.

Sen más preámbulos, "Coa lingua de fóra":

Xa levabamos ben tempo,
Fodidos por ben de anos,
Con aquilo de que había
Que falar o
castejano

Pero o pobo nunca quixo
Que lle trocaran a fala
Dicindo que a súa é boa
E que a nosa é a mala

E que foi que foi, que foi qué será
Din que temos lingua, e será
verdá?
E será
verdá,
e será
verdá,
Sácalla para fóra, non a agoches máis!!

Moito traballiño deu
Que trunfara a razón
para poder usar a lingua
Que nos sae do corazón

E agora que xa podemos
con liberdade empregala
non lla falamos ás nenas
non sexa que saian parvas!!

Úsana na vila
e no Corte Inglés,
Usámola todas,
como ten que ser
Úsaa o tío Xan,
e o avó Miguel
Usámola sempre,
úsaa ti tamén!!

Que se a nosa Terra é nosa,
A nosa fala tamén
Mira ti se somos ricos
Inda que algún non se entere

Así que se hai quen che diga
Que non lle gusta o galego
Ti dille non te preocupes,
Que por ti xa o falo eu,
Pero inda é boa vergoña
Non saber o que é DE TEU.

Bótallela xa, faino rabear
Con todo o dereito queremos falar
Dilles que non foi como eles din

Que en galego sempre quixemos vivir
Que en galego agora queremos vivir!!!


9 de setembro de 2009

Onde procurar léxico? Velaquí unhas ferramentas lingüísticas

Cando usamos a nosa lingua, ás veces temos a necesidade de procurar léxico ou definicións. Mais, cal é o lugar adecuado? Conversas Galegas quere servir de axuda.

Podedes acceder aos dicionarios de galego disponibles actualmente na Internet grazas a un novo bloque de ligazóns que instalamos na parte dereita deste blog:

  • O Digalego de Ir Indo, é unha boa opción. Utilizado por moitos internautas galegos, está adaptado aos recentes cambios da normativa da lingua.
  • O e-Estraviz, recomendado pola súa amplitude léxica, vén de incorporar importantes mudanzas que permiten pesquisas en norma ILG-RAG e en norma AGAL e acceder ás definicións das palabras dun xeito rápido e eficiente.
  • A Real Academia Galega, polo momento, ofrece un vocabulario ortográfico que efectúa recomendacións contempladas pola normativa, á espera de presentar o seu dicionario electrónico.

Debido ao seu uso internacional e á grande fiabilidade, anexamos a ligazón do Dicionário Priberam da Língua Portuguesa. Independentemente da forma ortogáfica, unha excelente ferramenta lingüística moi válida para resolver dúbidas comúns coa nosa lingua.

15 de junho de 2009

Linguas "naturais", "artificiais" e variedade estándar



O prestixioso profesor de Lingüística Xeral Juan Carlos Moreno Cabrera fixo unha análise sobre a situación das linguas de España e criticou o nacionalismo lingüístico español, o pasado 22 de Maio do 2009 nunha visita á Universitat Oberta de Barcelona. A conferencia, titulada "La Lingüística y el nacionalismo lingüístico español" foi impartida no marco da xornada "10 Anys de Filologia catalana a la UOC".

Moreno Cabrera demostra a obsesión de boa parte dos intelectuais por minusvalorar e isolar as falas diferentes de "la lengua común", e desmente boa parte dos tópicos que circulan dende o século XIX en torno ao español e o castellano e a súa relación coas restantes linguas do mundo. Segundo a súa tese, estes discursos etnocidas e excluíntes, instalados na opinión pública e nos medios de comunicación, "non teñen fundamento lingüístico de ningún tipo, só teñen fundamento ideolóxico".

O catedrático da Universidad Autónoma de Madrid, falante de castelán, defende, baixo criterios lingüísticos, que as linguas romances do territorio español son mutuamente intelixibles. Non se poden establecer xerarquías entre elas e é falso que as linguas con menos falantes estean máis dialectalizadas, todas poden ter a súa propia variedade estándar ou culta. O español non está perseguido, afirma, "iso é un disparate". Igualmente, aclara o significado do concepto "cooficialidade".

Dende as Conversas Galegas, quixemos recomendar este vídeo para comprender mellor as causas do actual problema político-lingüístico, e polas constantes referencias que se fan nel á situación asimétrica do galego e o castelán.

4 de junho de 2009

Mellora o teu galego na Coruña



Segundo os especialistas en dialectoloxía, a comarca da Coruña encóntrase no Bloque Central. Isto quere dicir que os nativos desta zona cando falan galego exprésanse coas formas maioritarias do país. Un dos signos característicos é a realización do plural en -ós (pantalón, pantalós), común en case todas as comarcas do interior. Tamén hai xente que fala con gheada e con seseo ao final das palabras. É o xeito de pronunciar propio da zona.

Nas últimas décadas, a cidade foi medrando grazas á chegada de homes e mulleres de varias procedencias, por iso se un pon a orella nalgúns barrios poderá ouvir xente falando ao xeito de Bergantiños ou ao de Melide. Todas esas falas son galego, e tan galegas como a normativa estándar. As novas xeracións que aprenderon a lingua na escola falan un galego diferente, cunha fonética máis simple e un léxico común, mais introducen moitos elementos innovadores que son positivos para que a lingua teña moitas vidas.

Os académicos recomendan que sigamos as normas do galego escrito para ter un código de expresión común, e aconsellan que usemos cada un a nosa fala, porque eses signos distintivos que a fan diferente non son erros. Canto mellor conservemos as nosas falas, máis rica e variada será a lingua galega.