27 de setembro de 2009

"Perdón polo meu galego"


Ánxel Fole, cuarto pola esquerda, acompañado por Domingo García Sabell, Francisco Fernández del Riego, Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro, membros de Galaxia, na serra dos Ancares (vía As Uvas na Solaina).

As Conversas Galegas teñen dous escenarios coñecidos, o bar Matthews da Coruña e este pequeno espazo da Internet. O blog non é un simple lugar onde anunciar as convocatorias e publicar imaxes, é tamén unha plataforma para expor algúns dos temas sobre os cales conversamos e inducir ao coñecemento da nosa cultura mediante artigos divulgativos. Por elo achamos interesante reproducir o seguinte texto, que mostra a perspectiva do Ánxel Fole (1903-1986) sobre a escrita dialectalista do galego, que gozou de grande aceptación no século XX e tiña o seu respaldo gráfico nas normas do idioma anteriores ao 2003, hoxe superadas.

Como xa temos explicado neste artigo e nestoutro, na actualidade preférese escribir a lingua galega baixo unhas normas convencionais non especialmente foneticistas, que sexan comprensibles por todos os falantes e constitúan unha forma estándar (quer as NoMiG ILG-RAG quer a norma AGAL). Este é o camiño seguido por outras linguas modernas do noso entorno sen que isto choque coas realizacións propias de cada zona ou persoa: fala e escrita seguen cursos diferentes.

Mais sempre podemos tirar as nosas propias conclusións. Como explica moi ben un bo amigo das Conversas, o usuario dunha lingua é ao mesmo tempo un creador, e pode permitirse certas licenzas léxicas e gráficas que se adapten á lingua que ten na mente. Por isto mesmo, non rexeitamos a opinión deste literato lucense, que foi un namorado das falas da montaña oriental e nos merece, independentemente da criticable actitude que a súa xeración representou para a historia do país, o máximo respecto.

Fragmento de "Soleira", preámbulo dos Contos da Néboa (Editorial Galaxia, 1973):

PERDÓN POLO MEU GALEGO

Pido perdón polo meu xeito de escribi-lo galego, inque sabendo que non teño por que pedilo. Sempre teimei de escribire un galego que fose galego falado. E conserva-la súa fonética, non alterala na escritura. Por iso mesmo conservo os guiós, que lle dan á escritura do galego un certo aspeuto ortopédico. Arrepresenta-lo galego asegún se fala é unha procura vella en min. Góstame ben máis, poño por caso, escribir tódolos días que todos os días. Se o ele soa na frase, penso que se debe conservar.

Nunca fun defensor do galego puro; máis ben un defensor do galego vareado, rico, tal como aínda se fala hoxe en moitas comarcas. Coas súas síncopas, paragoxes, aféresis, enclitismos, proclitismos e apócopes carauterísticas. Escribo
despoixas en vez de despois xa. Ou seica e non sei que. E tamén conservo as antigas metátesis. Poño por caso fídagos, e non fígados...

Nos derradeiros movementos literarios galegos rexístrase unha tendencia cara á fala popular, integrando tódolos xeitos comarcaes.

Xa sei que o galego mal se pode defender da castelanización. Inda nos que falan un galego máis enxebre, atópanse barbarismos dabondo. Xa cuasemente ninguén di
gañar, a non ser na montaña. Todo o mundo vai por ganar. En poucas bocas se conserva o e de escuro. Vaise decindo oscuro afeito. Mais iso quer decir que se debe escribir según o falan os que millor galego empregan.

A grandísima variedade do galego, moi semellante á do castelán do sigro XV, inda hoxe, é precisamente unha escrarecedora nota da súa tipificación. E débese refrexar no escrito. Si decimos
nebra tamén podemos decir néboa. E se escribo outro, tamén podo escribi-lo máis arcaico autro. Se por Queiroga din un souto de castiñeiros, por Portomarín inda din un sauto de castiñeiros. Si por Lugo din inda que, polo Incio din inque, co mesmo siñificado.

Logo non se haberá de estranar un si tanto escribimos
bidueira como bídalo. As verbas do galego varean en poucos quilómetros. Cando en Sarria din enoxar, no Incio din, máis arcaicamente, enodiar.

Unha das funciós e misiós da literatura actual galega é a de restaura-la pureza do galego. Restaura-lo galego, simpremente. Mais isto non é nada doado. Antre outras cousas, porque non se entende ben a custión. O que é arcaico ou crásico nunha comarca non é o arcaico ou crásico na outra. Tan arcaico é o
lostrego ou lóstrego da terra luguesa como o é o alustre do Caurel.

A literatura culta, escrita, collendo de eiquí e de eilí, vai formando, engordiño, paseniño, a futura unidade do galego literario. Por iso ninguén debe iñorar, poñemos por caso, que
pre, que se di en Becerreá, é tan galego como pra, que se di cuasemente en toda Galicia.

De cando en cando atópanse falas que relocen como o ouro, que soan moi ben, que son eufónicas sen comparanza. Cando vai descobrendo o ceo, dempois da treboada, os labregos da veiga de Sarria din que
estralampa. Cecais seña ista a verba máis fermosa do galego.

Mais eu non quería decir todo isto. Tiña o ollo posto nautra custión. Agora verá o leutor...

1 comentário:

  1. "...iso quer decir que se debe escribir según o falan os que millor galego empregan."

    Vaia frase!

    Xa lera noutra parte que Fole non só tentaba imitar os paisanos galegos no seu aspeuto, tamén na fala. :))

    Penso que aquí hai truco. Igual que acontece nos escritos de Rosalía, a súa escolla de palabras é bastante arbitraria. Crea un galego á súa medida, aparentemente popular, mais só en aparencia: con certos toques de "purismo", localismos de toda a provincia de Lugo e hipergaleguismos desa "lingua literaria culta". É real á súa maneira (outros escritores, como Blanco Amor, eran capaces de reproducir con grande fidelidade unha fala concreta, por exemplo a de Ourens). Non quero culpar a Fole, todos os seus colegas foron reinventores da nosa lingua (polo menos da escrita).

    "A grandísima variedade do galego (...) é precisamente unha escrarecedora nota da súa tipificación. E débese refrexar no escrito. Si decimos nebra tamén podemos decir néboa."

    Concordo! A riqueza léxica do galego é tal que podemos atopar varios sinónimos dentro da mesma comarca, e non debemos esquecelos. Aí está o feito de que comprendamos ben a normalización, que non significa necesariamente a implantación da mesma variedade "culta" en todo o país. Penso que a falas populares e a variedade estándar do galego deben estar en continuo diálogo.

    ResponderEliminar