Mostrar mensagens com a etiqueta Escritores. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Escritores. Mostrar todas as mensagens

27 de fevereiro de 2010

As conversas galegas estrean biblioteca!


Portada dun exemplar da segunda A Nosa Terra (para ilustrar a nova).

Grazas a Tereixa Barreira e outros amigos das Conversas, estreamos unha pequena colección de libros e revistas galegas, dende os anos 70 ata a actualidade. Entre estas obras temos varias publicacións históricas d'A Nosa Terra, o libro 55 mentiras sobre a lingua galega, unha edición da Descripcion del Reyno de Galizia do Licenciado Molina ou o Sempre en Galiza, de Castelao.

Dende había un tempo coñeciamos a necesidade de dar a esta iniciativa cívica un apoio literario. No momento en que varios membros fixeron pequenas contribucións, na súa orixe persoais, a idea foi medrando e, ao final, xuntouse un pequeno fondo bibliográfico que era bo pór en común para proveito de todos. Por esta razón, hoxe iniciamos publicamente esta colección de obras galegas.

A posta en común será esta tarde (27/02/2010) ás 18:30 no local habitual.

19 de janeiro de 2010

Xoán escreve-se com J


A imaxe definitiva e oficial do escritor.

Cando tentábamos facer unha presentación formal de João Guisan Seixas nas Conversas galegas, o pasado 16 de Xaneiro do 2010, encontramos un texto da súa autoría non só idóneo para ese fin, tamén difícil de superar. A súa lectura deunos a ocasión de falar in extenso sobre temas como as relacións Galiza-Portugal, a literatura portuguesa, as tradicións culturais da Raia ou a migración de galegos a Lisboa*, todos eles realacionados coas investigacións feitas polo propio João ao longo da súa traxectoria.

A relación de Guisán co portugués comezou cando na súa xuventude foi documentar nas aldeas de Oímbra e en Vilar de Perdizes os cantos de reis e as representacións (teatrais) da paixón. Eran poboacións veciñas e non podía evitar pasar a fronteira. Rápido descubriu a continuidade cultural e lingüística que existe entre os concellos norteños e os galegos.

Abaixo reproducimos o texto de presentación, "Auto-ortografia":

Baptizado como Juan Carlos (A Corunha, 1957), recebe ao se iniciar, de mui novo, no teatro galego (grupos O Facho, Teatro Circo) o nome de Xohán. Membro fundador, sem h, da Escola Dramática Galega, e com J da Associaçom Galega da língua, dá-se a conhecer, porém, como Xan no campo da literatura ao obter em 1977 o prémio de narrativa do Pedrón de Ouro. Como tal publica Número de Patente. Ao dar lume, mais tarde, Origem Certa do Farol de Alexandria, aparece na 1ª Ed. Xoán, na 2ª Joám e na 3ª, e até hoje, João, assinando assim também Um Cenário Chamado Frederico. Recebeu 6 prémios literários com X, e 0 com J. Por se fosse pouco, un dicionário de autores subsidiado atribui a obra dele a um tal Rodríguez. O barbeiro da sua rua, de pequeno, foi, infelizmente, o único que o tratou alguma vez de Carlos, e muitas de Carlitos. Ainda que o autor agora pensa que esse era o nome do cabelo que cortava.
(Teatro Para Se Comer, 1997).

Nota: Apenas un ano despois, Guisan Seixas foi galardoado co I Prémio Eixo Atlântico de Textos Dramáticos, por A Tábua Ocre de Núbia (ou o Significado da Vida), desta vez como João.

(*) O galego era un personaxe habitual do teatro lisboeta no século XVIII; naquela época moraban na cidade máis de 40.000 traballadores do noso país que mantiñan fortes vencellos coa súa terra.

12 de dezembro de 2009

Manuel Lourenzo preséntase

Estará no Matthews esta tarde, a partir das 18:30 horas.


Manuel Lourenzo fala dos seus proxectos recentes.


Neste vídeo explícanos como comezou a escribir.

15 de novembro de 2009

Benvidos ao tempo dos magostos (2)

Eladio Rodríguez González (1864-1949).


"Constitúen un dos costumes típicos de Galicia, e son unha especie de merenda de castañas con viño novo acompañada de pantrigo, queixo, e outras viandas axeitadas ás posibilidades económicas dos que interveñen na cuchipanda. A tempada dos magostos abrangue a segunda quincena de outubro deica a primeira de novembro, pero principalmente son tradicionais o día de Todos os Santos, e na provincia de Ourense o 11 de novembro. O feito de se faceren magostos a véspera do día de defuntos deu base a algún dos nosos escritores para afirmar que esa comida especial é de orixe funeraria como o seu froito, pois o castiñeiro, do mesmo xeito que a oliveira, posúe ese carácter, feito polo que Murguía di que as castañas e o viño novo, base do magosto, son símbolos que patentizan a morte e a vida."

No noso percorrido polas referencias bibliográficas ao Magosto, achamos este texto do lexicógrafo e académico da RAG Eladio Rodríguez pertencente a unha das entradas do Diccionario enciclopédico gallego-castellano (traducido ao galego).

14 de novembro de 2009

Benvidos ao tempo dos magostos


Segundo Manuel Mandianes Castro, autor de Loureses: antropoloxía dunha parroquia galega (1984), despois de que a serpe se oculte comeza o tempo destinado ao porco e as sementeiras. Neste primeiro ciclo do ano, o que vai de Setembro ata a fin de Abril, as dúas grandes festas do calendario son o Magosto e o Entroido, tradicións fortemente pagás.

O magosto é unha festa de exaltación do viño novo e das castañas, relacionado cos traballos agrarios e coerente coa natureza. Coincide coa data de evocación dos mortos que se corresponde coas festividades cristiás de todos os Santos e Defuntos ou coa antiga tradición pagá do Samhaín, da que deriva unha celebración actualmente vixente nos países anglosaxóns: o Halloween.

Aínda que orixinariamente o magosto se celebraba na véspera do 1 de novembro ou no día 11 (San Martiño), na actualidade a temporada dos magostos adoita abarcar a primeira metade do mes... ou máis!

Deste xeito describe Mandianes a festa do magosto, que hoxe celebramos nas aldeas, vilas e cidades galegas:

"Cada ano os mozos e mozas xuntabámonos o día de San Martiño para ir
face-lo Magosto. Os mozos mercaban viño e as mozas buscaban castañas. Non era
como agora; os mozos non tiñan cartos para merca-lo viño e por iso cumpría que
pensasen en mercalo con moito tempo. Precisábase moito viño, porque a xente non
o bebía a miúdo e, cando se presentaba a ocasión aproveitábase".

"O día do San Martiño, despois do xantar, saíase ó campo, máis ou menos lonxe
de Loureses; a xente ía á natureza. Se chovía, facíase nunha casa, pero en
principio o magosto facíase na natureza". Vese perfectamente que o magosto se
celebra nun espacio non habitado. Logo de estar no campo "os mozos buscaban leña
para plantar un bo lume. Acendíase o lume e as mozas encargábanse das castañas
para asar. (...) Cando xa as castañas están asadas, as mozas chaman polos mozos.
Todos comen castañas e beben viño a barullo. Ó remataren, matan o lume; está
prohibido mexar enriba, anque hai algúns que o fan. Cos tizóns, "todo o mundo
pinta de negro a cara, como no día do entroido. Volven á aldea disfrazados e
metendo moito barullo. Cando chegan, a xente sae á porta das casas para mira-la
mocidade que volve do magosto. Agora xa se acabou o magosto e só algúns nenos se
xuntan para facelo, pero xa non ten nada que ver co magosto de antes".

(...) Na provincia de Ourense o magosto celébrase o 11 de novembro, día do
San Martiño, patrón da diócese; no resto de Galicia celébrase o primeiro de
novembro.
No tempo dos magostos, Conversas no Matthews!

2 de outubro de 2009

Soleira (2)

Novamente pasan polas nosas mans as opinións de Fole, con outros fragmentos de "Soleira" (Contos da néboa). Desta volta tratando da nosa fala... e dos galegos. Algunhas críticas, case 40 anos despois, aínda están de actualidade.

A NARRATIVA CURTA

Penso eu que as dúas formas verdadeiramente populares da nosa literatura son a cántiga e mailo conto. Son o gran elemento estético conservador do idioma. Hai moitos que somentes falan de cando en cando o galego, inque traten con labregos decote e fosen nados nos nosos eidos. Si non esqueceron o galego, na cidade ou na vila, é outramente porque lles gostan os contiños galegos e tamén cantar galegadas. E nada máis. Cecais se acorden dalgún poema de Curros ou algún conto de Castelao.
(...)
Polo que a min vén, o conto de tipo pantástico nin me vai nin me vén. Penso que a narración de gran valer está-máis ou menos-comprometida coa realidade. (...) A xenial invención está condicionada pola realidade. O gosto polo pantástico é máis ben un gosto de pobos arredados do seu deber, de homes que renuncian a todo inconformismo. Que non teñen máis problema que o da súa persoal comenencia. Alporízanse todos, como as pitas cando ven un cadelo, cando lles falan de dereitos, deberes ou reformas a fondo.

(...)

O ESCRITOR
(...)
A fazaña meirande dos escritores galegos sería cambea-lo noso clima moral. O clima moral, que deixa tanto que desexar nalgures, e tamén na nosa Galicia.


A SOLIDARIDADE GALEGA

(...) Antre os galegos debe haber moita máis comunicación da que hoxe hai antre Ribadeo e Tui, antre a Coruña e Verín. O galego non debe vivir isolado do galego. Tampouco a nosa prensa é tan galega como debería sere.

A concencia do que é e pode sere Galicia inda hoxe non é popular. Pra moitos galegos, a súa terra é un verde recanto na España ollada dende Madrid.



O HOME GALEGO

Do home galego díxose que era il sentimental, sofrido, cun humor seu moi gracioso.

Por sere Galicia un pobo de emigrantes, de probes que van buscar traballo a outras terras, o galego foi minusvalorado e tamén dispreciado.

Mais o galego cabal, como il debe ser, éo á forza de aldraxes. Non lle intresa, maiormente, que o gaben nin que o rebaixen. O que non lle gosta é que o confundan co andaluz, o castelán ou o levantino. Non quere sere máis que galego. Diante de Deus e diante dos homes. Con elo abonda. Pra que se seipa...

Eu pre min, a grande e laudábel condición do galego é a súa ben ademostrada tolerancia. Si vive, tamén deixa vivir.


ARENGA POLA NOSA MÚSICA
(...)
Cando Galicia deixe de cantar en galego, Galicia será nada máis que a suma de catro provincias de España.

27 de setembro de 2009

"Perdón polo meu galego"


Ánxel Fole, cuarto pola esquerda, acompañado por Domingo García Sabell, Francisco Fernández del Riego, Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro, membros de Galaxia, na serra dos Ancares (vía As Uvas na Solaina).

As Conversas Galegas teñen dous escenarios coñecidos, o bar Matthews da Coruña e este pequeno espazo da Internet. O blog non é un simple lugar onde anunciar as convocatorias e publicar imaxes, é tamén unha plataforma para expor algúns dos temas sobre os cales conversamos e inducir ao coñecemento da nosa cultura mediante artigos divulgativos. Por elo achamos interesante reproducir o seguinte texto, que mostra a perspectiva do Ánxel Fole (1903-1986) sobre a escrita dialectalista do galego, que gozou de grande aceptación no século XX e tiña o seu respaldo gráfico nas normas do idioma anteriores ao 2003, hoxe superadas.

Como xa temos explicado neste artigo e nestoutro, na actualidade preférese escribir a lingua galega baixo unhas normas convencionais non especialmente foneticistas, que sexan comprensibles por todos os falantes e constitúan unha forma estándar (quer as NoMiG ILG-RAG quer a norma AGAL). Este é o camiño seguido por outras linguas modernas do noso entorno sen que isto choque coas realizacións propias de cada zona ou persoa: fala e escrita seguen cursos diferentes.

Mais sempre podemos tirar as nosas propias conclusións. Como explica moi ben un bo amigo das Conversas, o usuario dunha lingua é ao mesmo tempo un creador, e pode permitirse certas licenzas léxicas e gráficas que se adapten á lingua que ten na mente. Por isto mesmo, non rexeitamos a opinión deste literato lucense, que foi un namorado das falas da montaña oriental e nos merece, independentemente da criticable actitude que a súa xeración representou para a historia do país, o máximo respecto.

Fragmento de "Soleira", preámbulo dos Contos da Néboa (Editorial Galaxia, 1973):

PERDÓN POLO MEU GALEGO

Pido perdón polo meu xeito de escribi-lo galego, inque sabendo que non teño por que pedilo. Sempre teimei de escribire un galego que fose galego falado. E conserva-la súa fonética, non alterala na escritura. Por iso mesmo conservo os guiós, que lle dan á escritura do galego un certo aspeuto ortopédico. Arrepresenta-lo galego asegún se fala é unha procura vella en min. Góstame ben máis, poño por caso, escribir tódolos días que todos os días. Se o ele soa na frase, penso que se debe conservar.

Nunca fun defensor do galego puro; máis ben un defensor do galego vareado, rico, tal como aínda se fala hoxe en moitas comarcas. Coas súas síncopas, paragoxes, aféresis, enclitismos, proclitismos e apócopes carauterísticas. Escribo
despoixas en vez de despois xa. Ou seica e non sei que. E tamén conservo as antigas metátesis. Poño por caso fídagos, e non fígados...

Nos derradeiros movementos literarios galegos rexístrase unha tendencia cara á fala popular, integrando tódolos xeitos comarcaes.

Xa sei que o galego mal se pode defender da castelanización. Inda nos que falan un galego máis enxebre, atópanse barbarismos dabondo. Xa cuasemente ninguén di
gañar, a non ser na montaña. Todo o mundo vai por ganar. En poucas bocas se conserva o e de escuro. Vaise decindo oscuro afeito. Mais iso quer decir que se debe escribir según o falan os que millor galego empregan.

A grandísima variedade do galego, moi semellante á do castelán do sigro XV, inda hoxe, é precisamente unha escrarecedora nota da súa tipificación. E débese refrexar no escrito. Si decimos
nebra tamén podemos decir néboa. E se escribo outro, tamén podo escribi-lo máis arcaico autro. Se por Queiroga din un souto de castiñeiros, por Portomarín inda din un sauto de castiñeiros. Si por Lugo din inda que, polo Incio din inque, co mesmo siñificado.

Logo non se haberá de estranar un si tanto escribimos
bidueira como bídalo. As verbas do galego varean en poucos quilómetros. Cando en Sarria din enoxar, no Incio din, máis arcaicamente, enodiar.

Unha das funciós e misiós da literatura actual galega é a de restaura-la pureza do galego. Restaura-lo galego, simpremente. Mais isto non é nada doado. Antre outras cousas, porque non se entende ben a custión. O que é arcaico ou crásico nunha comarca non é o arcaico ou crásico na outra. Tan arcaico é o
lostrego ou lóstrego da terra luguesa como o é o alustre do Caurel.

A literatura culta, escrita, collendo de eiquí e de eilí, vai formando, engordiño, paseniño, a futura unidade do galego literario. Por iso ninguén debe iñorar, poñemos por caso, que
pre, que se di en Becerreá, é tan galego como pra, que se di cuasemente en toda Galicia.

De cando en cando atópanse falas que relocen como o ouro, que soan moi ben, que son eufónicas sen comparanza. Cando vai descobrendo o ceo, dempois da treboada, os labregos da veiga de Sarria din que
estralampa. Cecais seña ista a verba máis fermosa do galego.

Mais eu non quería decir todo isto. Tiña o ollo posto nautra custión. Agora verá o leutor...