Mostrar mensagens com a etiqueta Opinión. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Opinión. Mostrar todas as mensagens

13 de junho de 2010

Jordi Janeiro

Con data de 12 de Xuño do 2010, o Portal Galego da Língua publicou un artigo moi esclarecedor sobre algunhas consecuencias mentais da ruptura coa tradición ortográfica galaico-portuguesa e como os galegos vimos escribindo a nosa lingua dende que se representa graficamente (por José Ramom Pichel Campos).

Jordi Janeiro

A maioria dos galegos, quase o 99% lê a dia de hoje o título deste artigo assim jordi lê-no "lhordi" e janeiro lê-no "janeiro" com j castelhana. E isto é uma grande carência do nosso sistema educativo. No entanto qualquer galego quando lê "Mourinho" lê "Mouriño". O poder da televisão e do futebol é superior ao do sistema educativo nalguns casos.

Mas falemos de dicionários electrónicos, dicionários que terão muito mais uso no futuro. Pois bem, Galiza é um lugar com grande produção em dicionários electrónicos. Temos desde o galego-português medieval até contemporâneo. Muitos séculos compendiados da nossa história em formato digital.

Existem na actualidade diferentes dicionários electrónicos como o dicionário de dicionários ideado por Antón Santamarina antigo director do ILG, uma jóia da tecnologia que guarda muitíssimo léxico galego de mais de vinte dicionários realizados desde o século XVIII. Também o dicionário de dicionários medieval do Ernesto González Seoane e Ana Boullón, que recolhe muitas palavras com as suas definições em todas as grafias medievais maioritariamente etimológicas. A Universidade de Standford pediu há anos exemplares do dicionário de dicionários contemporâneo e medieval e fijo várias resenhas em revistas especializadas sobre estas obras.

Também há menos de um mês aparecia em Moanha (Ponte Vedra) um documento no arquivo histórico de São Martinho um testamento escrito do 9 de Novembro de 1466. Neste pergaminho na notícia aparecida no Faro de Vigo diz o seguinte: "En el pergamino se aprecia como en 1466 los textos escritos en el idioma propio de Galicia ya utilizaban la letra "j" para sustituir a la "x" en muchas palabras, aunque simbolizando el mismo fonema, como ocurre en el portugués actual".

Pois bem, na maioria dos dicionários galegos feitos antes da guerra que são a maioria dos dicionários, e incluo também o da RAG (1913-1926) todas as palavras escreviam-se com ortografia etimológico, isto é, a mais próxima ao latim, isto é a que usa o português em Portugal e no Brasil. Escrevia-se "gente" e "jeito", só que se pronunciava como pronunciamos "shente" e "sheito". Escrevia-se "chouriço" e pronunciamos "chourizo" ou "chouriso".

Ao galegos não nos contam toda a verdade sobre o nosso idioma, toda a nossa potencialidade, pésie a ser uma potência em lexicografia computacional e a ter grandes eruditos. Continuaremos a ler jordi janeiro como sempre, à espera de que alguma TV nos pronuncie janeiro como é devido.

(*) Artigo publicado na coluna Medo aos aviões, do jornal Galicia Hoxe.

19 de fevereiro de 2010

Argumentos, por favor!


Disponibilizamos dous traballos de máximo interese para quen necesite ampliar perspectivas sobre sociolingüística e sobre modelos educativos. Son:

-O libro publicado pola plataforma Prolingua "
55 mentiras sobre a lingua galega".
-A conferencia de Pablo Gamalho intitulada "
Modelos linguísticos para a educação".

Se visitamos unha libraría de temas galegos como Couceiro, na Coruña, poderemos encontrar máis dunha ducia de publicacións e estudos sobre sociolingüística, escritos nas últimas tres décadas. Todos eles veñen tratando a posición da lingua galega na sociedade e as solucións para a coexistencia co castelán. Ata hai pouco, eran un recurso básico para os estudantes de filoloxía mais agora, a súa lectura parece indispensable para todos os galegos.

Nun momento no que voces públicas están a cuestionar sen disimulo os principios máis elementais da normalización lingüística, necesítase información. Neste contexto, recollemos a última iniciativa da plataforma Prolingua, a publicación do libro "55 mentiras sobre a lingua galega". Presentouse o 5 de febreiro en 69 vilas do mundo e nós adquirímolo para as Conversas do día 6. É unha boa contribución para quen necesite argumentos a favor do galego. Aí vos vai unha presentación gráfica:



Presentación/resumo da publicación "55 mentiras sobre a lingua galega".



Na liña dos modelos lingüísticos na educación (tema que infelizmente neste país é fonte de conflito) facilitamos tamén a presentación dunha conferencia feita polo profesor Pablo Gamalho no 6 de febreiro deste ano baixo o título "Modelos linguísticos para a educação", accesible dende o PGL. Nela, explícanse os modelos educativos do Quebec, Cataluña, País Basco, Galicia e Burela. Non só demostra que a Xunta é o goberno autonómico que menos recursos ten empregado para que os alumnos adquiran competencia nas dúas linguas cooficiais (un completo fracaso), mais que o modelo educativo da Cataluña, de inmersión en catalán, é o único que nos últimos 30 anos conseguiu este obxectivo.

20 de novembro de 2009

Vivendas sustentables, xa son a alternativa


Recentemente, a televisión europea de noticias Euronews informou sobre a vila dinamarquesa de Hortshøj. Nesta pequena localidade, unha centena de vivendas producen a súa propia enerxía e están deseñadas con criterio ecolóxico para tomar o máximo proveito enerxético co menor custo ambiental. A canle multilingüe achegouse a esta iniciativa. (Preme aquí para mirares o vídeo).

Na liña dos temas aparecidos nas Conversas, este tema dá para pensar! O uso doméstico de renovables xa é unha realidade, e existen proxectos empresariais que apostan con firmeza pola sustentabilidade das casas galegas.

25 de setembro de 2009

Comemos ben?



No decurso das Conversas galegas, hai un tema que xa temos discutido en moitas ocasións. Podemos gozar dunha boa alimentación que sexa ao mesmo tempo ambientalmente sustentable?

Descubrimos recentemente unha iniciativa de agricultores da área Compostela-Sar que comercializan pola Internet e envían a domicilio os seus produtos naturais, cultivados sen tratamentos químicos. Chámase Proxecto Amorodo, e coordina veciños de tres concellos: Ames, Rois e Dodro co fomento dunha agricultura sustentable de calidade máis próxima ao consumidor. Simple e convincente, ofrecen alimentos bos e saudables e deixan de depender da intermediación, polo que reciben prezos equilibrados. Experiencias semellantes están a nacer por todo o país, pretendendo potenciar o comercio local.

Como consumidores urbanos, estas iniciativas poden interesarnos. Moita da fruta que consumimos vén de lonxe e mantense fresca e bela en cámaras frigoríficas, mais perde outras propiedades. Alén diso, non temos garantías de que o que compramos non sexa produto da agricultura biolóxica, non coñecemos que solucións químicas foron empregadas, e aínda menos as consecuencias que poden ter na nosa saúde.

Grazas ás melloras nas comunicacións podemos ter unha ponte directa entre a horta e a nosa casa. Definitivamente, podemos comer san, con sabor de orixe, contaminar menos e saber que a nosa compra vai recompensar a agricultura da nosa terra, axudando a que o agro siga activo.

Será a agricultura ecolóxica o futuro das cociñas galegas?


agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Noticia no Bos Días Magazine da TVG (18/09/2009).

Nova relacionada na web da Gentalha do Pichel.

21 de setembro de 2009

Ollando ao sur



Curiosas coincidencias. O pasado sábado, día no que recibimos a noticia de que o Jornal de Notícias publicara para os lectores portugueses o Manifesto pola hegemonia social do galego, foi tamén tarde de ollar ao sur nas Conversas Galegas.

Por vez primeira, falamos de Portugal, nunha sesión de estimulante discusión política. Un dos nosos contertulios defendeu, á marxe do reintegracionismo ortográfico, a idea de que incrementar as conexións co alén Miño é unha opción estratéxica para o futuro, agora que políticos e empresarios potencian o Eixo Atlántico.

É ben certo que Portugal, independentemente da opción ideolóxica, ten sido moitas veces o espello no que moitos galegos se miran. Tamén o foi Irlanda pola súa cultura ou pola loita emancipadora. Mais no caso do noso veciño do Miño, é indiscutible que compartimos algo máis: un pasado e tradicións comúns que persisten a pesar das diferenzas, entre as que un elemento fundamental é a lingua galega (Rodríguez Castelao deixou para a historia a frase A nosa lingua vive e florece en Portugal). Agora, máis que nunca, formamos parte dun mesmo espazo xeopolítico que vai camiño de se consolidar en Eurorrexión.

Neste marco é onde a cultura, a lingua ou a economía galegas poden dar un paso e acadar proxección internacional. Estamos nunha privilexiada encrucillada entre o mundo hispanoamericano, as nacións celtas e os países de lingua portuguesa. Nesta oportunidade mundial partimos con vantaxe: o galego é a nosa mellor carta de presentación.

22 de junho de 2009

O galego serve para entendernos



Descubrimos (via
chuza.org) esta carta de José Manuel Atanes Limia:

Puxémoslle nome ás persoas: Suso, Maruxa,... apelido: Vázquez, Nogueira, .... e alcume: o Bichoguizo, a Rachaoferro, ....
Puxémoslle nome ás nosas árbores: amieiro, freixo,... e apelidos: Carballa da Rocha, Castiñeiro da Capela,...
Botamos aturuxos, arroutadas,.... e damos colo, apertas, ....
Puxémoslle nome ás froitas: pexego, mazá, ....
Aos arbustos: silva, xesta, ....
Ás nosas herbas: camariña, herba de namorar, ...
Ás comidas: grelos, cacheira, .....
Puxémoslle nome aos insectos: vagalume, escornabois, ......
Aos peixes: xouba, ollomol , .... e aos mariscos: vieira, zamburiña,....
Ás nosas praias: de Rodas, A Rapadoira, ....
Ás serras: O Larouco, A Capelada, ...
Aos montes: A Zapateira, O Galiñeiro, ...
Ás rochas: Pena Corneira, A Pedra de Abalar, ...
Aos ríos: Toxa, Xallas,..
Aos pobos: Soutelo, Peroxa, ....
Aos males: Mal de Ollo, O Arangaño,...
Aos nosos medos: A Santa Compaña, O Negro Meigallo,...
Aos nosos heroes: O Foucellas, Roi Xordo,..
Aos monstros: Sacauntos, Fendetestas, ...
Ás vacas: Marela, Xeitosa, ....
Aos disfraces: Peliqueiro, Boteiro, ..
Aos sentimentos: morriña, agarimo, ...
Aos santos: A Franqueira, O Corpiño, ..
Ás nosas festas: A Rapa das Bestas, O Magosto, ...
Á musica: os alalás, a chouteira, .......
Aos xogos: a billarda, a porca, ......
Ás partes do corpo: as costas, os xeonllos, ..
Aos paxaros: paporrubio, rula,...
Ao vestido: saia, polaina,...
....e agora veñen que para que serve o galego, pois é obvio, para entendernos.