4 de junho de 2009

Mellora o teu galego na Coruña



Segundo os especialistas en dialectoloxía, a comarca da Coruña encóntrase no Bloque Central. Isto quere dicir que os nativos desta zona cando falan galego exprésanse coas formas maioritarias do país. Un dos signos característicos é a realización do plural en -ós (pantalón, pantalós), común en case todas as comarcas do interior. Tamén hai xente que fala con gheada e con seseo ao final das palabras. É o xeito de pronunciar propio da zona.

Nas últimas décadas, a cidade foi medrando grazas á chegada de homes e mulleres de varias procedencias, por iso se un pon a orella nalgúns barrios poderá ouvir xente falando ao xeito de Bergantiños ou ao de Melide. Todas esas falas son galego, e tan galegas como a normativa estándar. As novas xeracións que aprenderon a lingua na escola falan un galego diferente, cunha fonética máis simple e un léxico común, mais introducen moitos elementos innovadores que son positivos para que a lingua teña moitas vidas.

Os académicos recomendan que sigamos as normas do galego escrito para ter un código de expresión común, e aconsellan que usemos cada un a nosa fala, porque eses signos distintivos que a fan diferente non son erros. Canto mellor conservemos as nosas falas, máis rica e variada será a lingua galega.

Sem comentários:

Enviar um comentário