Mostrar mensagens com a etiqueta Anuncios. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Anuncios. Mostrar todas as mensagens

6 de julho de 2009

Novos anuncios



Co obxectivo de que todo o mundo nos coñeza, continuamos a anunciar a iniciativa Conversas Galegas nos espazos públicos da Coruña. Para elo, fixemos un novo anuncio que recolle un texto sobre o galego da comarca.

Non é a primeira aparición pública das Conversas, pois xa no seu inicio difundimos uns anuncios que aquí foron publicados. Na Internet e na prensa a rede Chuza! e o Portal Galego da Língua comentaron a nosa proposta dos sábados e Xornal de Galicia acudiu á primeira convocatoria.

Conversas Galegas, no bar Matthews, é unha experiencia que se desenvolve semanalmente dende o 18 de Abril do 2009. O seu funcionamento é simple, só hai unha hora de inicio e unha hora prevista de finalización. E acontece o que esperamos: xente descoñecida acode á barra do Matthews, encóntrase con outra e xuntos comparten mesa e fala.

A temática: libre. O obxectivo: achegar cada día máis xente á lingua galega. As idades: todas nas que se poda falar. As causas... nin todo o mundo na Coruña é bilingüe nin é fácil para moitos expresarse nunha lingua diferente do castelán. Por iso recibimos mozos e mozas que queren expresarse na lingua do pobo, galegofalantes comprometidos, personaxes públicas galegas, neofalantes que necesitan mellorar a súa pronuncia e expresión, persoas doutras partes da península e veciños de todo o mundo que deciden pasar uns meses na nosa terra, como os estudantes erasmus. Entre todos, practicamos galego oral.

Estades convidados.

4 de junho de 2009

Mellora o teu galego na Coruña



Segundo os especialistas en dialectoloxía, a comarca da Coruña encóntrase no Bloque Central. Isto quere dicir que os nativos desta zona cando falan galego exprésanse coas formas maioritarias do país. Un dos signos característicos é a realización do plural en -ós (pantalón, pantalós), común en case todas as comarcas do interior. Tamén hai xente que fala con gheada e con seseo ao final das palabras. É o xeito de pronunciar propio da zona.

Nas últimas décadas, a cidade foi medrando grazas á chegada de homes e mulleres de varias procedencias, por iso se un pon a orella nalgúns barrios poderá ouvir xente falando ao xeito de Bergantiños ou ao de Melide. Todas esas falas son galego, e tan galegas como a normativa estándar. As novas xeracións que aprenderon a lingua na escola falan un galego diferente, cunha fonética máis simple e un léxico común, mais introducen moitos elementos innovadores que son positivos para que a lingua teña moitas vidas.

Os académicos recomendan que sigamos as normas do galego escrito para ter un código de expresión común, e aconsellan que usemos cada un a nosa fala, porque eses signos distintivos que a fan diferente non son erros. Canto mellor conservemos as nosas falas, máis rica e variada será a lingua galega.

5 de abril de 2009

Descubre as Conversas Galegas, proximamente na túa cidade


Dous anuncios das Conversas Galegas no Matthews. O obxectivo fundamental é naturalizar o galego na cidade. (Ver principios fundacionais).

Todos os sábados, dende as 6 da tarde, haberá un espazo aberto en lingua galega na Coruña. O 18 de Abril do 2009, será o día de inicio. Só tedes que preguntar pola iniciativa para participardes nela. Haberá que cumprir un único requisito: estar disposto a pasar ese tempo falando en galego. Calquera que pase polo Matthews as tardes dos sábados poderá entrar en contacto con máis galegofalantes.

É necesario ser falante exclusivo de galego? Non, por suposto. É unha actividade cívica así que fica aberta a todos, tanto neofalantes, como falantes de sempre, persoas que queren aprender galego, que saben falalo pero non o fan con frecuencia, estudantes erasmus... En resumo: para todos os que queren pasar unha boa tarde de sábado bebendo algo e coñecendo xente nova 100% en galego!

E de que imos falar? A temática é libre, as conversas poderían tratar sobre a lingua, pero o mellor é que se poda falar de todo: da cultura, do deporte, das últimas novas... E mesmo se poden facer máis cousas que implican falar, como unha partida ás cartas ou calquera outro xogo. Pode depender dos gustos, das idades... Todo isto é liberdade dos participantes.

Tedes ao voso dispor un enderezo electrónico e un grupo do Facebook, por se queredes apoiar a iniciativa por Internet. O enderezo é conversasgalegas@gmail.com.