Mostrar mensagens com a etiqueta Convidados especiais. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Convidados especiais. Mostrar todas as mensagens

19 de janeiro de 2010

Xoán escreve-se com J


A imaxe definitiva e oficial do escritor.

Cando tentábamos facer unha presentación formal de João Guisan Seixas nas Conversas galegas, o pasado 16 de Xaneiro do 2010, encontramos un texto da súa autoría non só idóneo para ese fin, tamén difícil de superar. A súa lectura deunos a ocasión de falar in extenso sobre temas como as relacións Galiza-Portugal, a literatura portuguesa, as tradicións culturais da Raia ou a migración de galegos a Lisboa*, todos eles realacionados coas investigacións feitas polo propio João ao longo da súa traxectoria.

A relación de Guisán co portugués comezou cando na súa xuventude foi documentar nas aldeas de Oímbra e en Vilar de Perdizes os cantos de reis e as representacións (teatrais) da paixón. Eran poboacións veciñas e non podía evitar pasar a fronteira. Rápido descubriu a continuidade cultural e lingüística que existe entre os concellos norteños e os galegos.

Abaixo reproducimos o texto de presentación, "Auto-ortografia":

Baptizado como Juan Carlos (A Corunha, 1957), recebe ao se iniciar, de mui novo, no teatro galego (grupos O Facho, Teatro Circo) o nome de Xohán. Membro fundador, sem h, da Escola Dramática Galega, e com J da Associaçom Galega da língua, dá-se a conhecer, porém, como Xan no campo da literatura ao obter em 1977 o prémio de narrativa do Pedrón de Ouro. Como tal publica Número de Patente. Ao dar lume, mais tarde, Origem Certa do Farol de Alexandria, aparece na 1ª Ed. Xoán, na 2ª Joám e na 3ª, e até hoje, João, assinando assim também Um Cenário Chamado Frederico. Recebeu 6 prémios literários com X, e 0 com J. Por se fosse pouco, un dicionário de autores subsidiado atribui a obra dele a um tal Rodríguez. O barbeiro da sua rua, de pequeno, foi, infelizmente, o único que o tratou alguma vez de Carlos, e muitas de Carlitos. Ainda que o autor agora pensa que esse era o nome do cabelo que cortava.
(Teatro Para Se Comer, 1997).

Nota: Apenas un ano despois, Guisan Seixas foi galardoado co I Prémio Eixo Atlântico de Textos Dramáticos, por A Tábua Ocre de Núbia (ou o Significado da Vida), desta vez como João.

(*) O galego era un personaxe habitual do teatro lisboeta no século XVIII; naquela época moraban na cidade máis de 40.000 traballadores do noso país que mantiñan fortes vencellos coa súa terra.

17 de janeiro de 2010

Imaxes do 16 de Xaneiro







As primeiras Conversas galegas do 2010, celebradas o 16 de Xaneiro, contaron coa participación do convidado especial João Guisan Seixas e doutros sete amigos da iniciativa. Tertulia, libros e bebidas estimularon a mesa do Matthews dende as 18:30 ata as 22:30 horas!

16 de janeiro de 2010

João Guisan Seixas participará hoxe nas Conversas Galegas


João Guisán Seixas atoallado con motivo do DdoOLeR'08.

Esta tarde, contra as 18:30, João Guisan Seixas será o novo convidado especial en unirse ás Conversas Galegas. Profesor de lingua portuguesa na Escola Oficial de Idiomas da Coruña, a súa carreira está fortemente ligada á visibilización da nosa lingua por medio do código reintegracionista (é un dos fundadores da AGAL). Tamén conta cunha longa experiencia teatral e como dramaturgo (varias veces premiado) ten aportado unha creación moi nutritiva: o "Teatro para se comer".

Desexamos que pase unha boa tarde de Conversas, e que saiba desculpar que o presentemos cun aspecto tan lúdico (andábamos á procura desta imaxe). Un saúdo para o João con todo o noso afecto.

----------------------------------------------------------------------

Outros convidados ilustres:

María Xosé Taboada (25/04/2009)
Xosé Lourenzo Tomé (6/09/2009)
Francisco X. Rei (4/12/2009)
Manuel Lourenzo (12/12/2009)
María Luz Canal (19/12/2009)

E todos vós!

21 de dezembro de 2009

María Luz Canal participou nas Conversas galegas


A nosa convidada, no centro da imaxe.

Chegou preparada á cita. Provista dun cartafol que contiña papeis varios (dende textos da plataforma Galego. Patrimonio da Humanidade ata unha copia do Estatuto de Autonomía de 1980) María Luz Canal apareceu puntual no escenario das Conversas galegas o 19 de Decembro do 2009.

Como anunciáramos días antes neste mesmo blog, esta xurista arraiana, natural de Lobios (Baixa Limia), ten unha traxectoria indiscutiblemente ligada á defensa da lingua galega na vida social e na xustiza. Grazas a ela, obtivemos unha radiografía do poder xudicial na actualidade neste país.


M. Luz non o nega, considérase rara avis nun espazo dominado maioritariamente polas ideas conservadoras e mantense fiel ao seu compromiso progresista, en clave de muller e con identidade galega, defendéndoo con vehemencia (non en van, as súas orixes familiares estiveron fortemente vencelladas ao republicanismo ourensán). Os primeiros datos que tira déixannos de pedra: de 300 xuices, tan só 10 redactan algunha vez sentenzas en galego; entre os fiscais a proporción é semellante: apenas o 7% está en condicións de defendelo.

É totalmente certo que no panorama xurídico galego aínda se agarda dende hai vinte e cinco anos un dicionario específico que conteña os tecnicismos expresados en lingua galega. Coñecendo esta circunstancia comezamos a comprender o problema.

Guiados por esta experta, aprendemos sobre as competencias do TSXG e sobre o dereito civil galego. Si amigos!, temos dereito civil propio ("aínda que pouca xente o sabe, incluídos moitos avogados"). E unha sorpresa máis: a nosa convidada contribuíu a redactalo. Sen dúbida isto merece unha comunicación á sociedade. Luz fai autocrítica mais recoñece que existen iniciativas para visibilizalo, como a REvista XURídica GAlega, na que ela colabora.

Ademais de cuestións competenciarias (Estatuto en man) tivemos tempo para as plataformas de apoio ao galego, a toponimia e outras conversas máis triviais.

Foi unha sesión moi interesante pois achegou perspectivas que ata o momento non se expuxeran en reunións anteriores, da man dunha profesional da xustiza. A impresión de todos foi moi boa e esperamos tela connosco novamente.

Unha aperta Luz!



15 de dezembro de 2009

Tres horas con Manuel Lourenzo


Se na vida non houbese que comer, durmir e traballar aínda hoxe estaríamos a falar con Manuel Lourenzo. É dificil achar unha persoa coa que tratar tal diversidade de temas en profundidade. Teatro, poesía, historia, ou ben anécdotas cargadas dunha intelixente retranca. Por esta causa merece, co permiso doutros ilustres homes da provincia mindoniense, o calificativo de crack en xeral.

Este último sábado, 12/12/2009, o Matthews transformouse en escenario dunha tertulia de alto nivel. Foi de sete a dez (e non de catro a catro!) cando o amigo Manuel tornou en protagonista das Conversas galegas.

Grazas á súa intervención descubirmos moitos detalles da súa vida e da historia recente da nosa terra. Comezou lembrando os seus inicios na Coruña e o choque cultural (e lingüístico!) que supuxo aquel cambio para un rapaz da Ferreira do Valadouro. "Os pronomes desordeados, a gheada!" Naquel momento entrou en contacto con boa parte dos republicanos que aínda vivían nesta vila nos anos 50. Comezou facendo teatro nun tempo no que a censura prohibía falar galego. E ollo ao truco: podían ler os textos na nosa lingua, mais para introducilos ou explicarllos ao público só era permitido falar o castelán. O seu compromiso cultural e político levouno varias veces preso, dificultando o seu traballo, mais botou para adiante, abofé!


(editorialgalaxia.es)


"Don Ramón, Hamlet e Cunqueiro son os meus amigos".

Ademais de impulsor do teatro galego, leva nas súas costas unha longa experiencia no cine e na televisión. Sentados na mesa do Matthews non só coñecemos as súas impresións sobre eses dous mundos, ademais deunos novas dos seus últimos traballos. Mais houbo tamén tempo para a conversa informal, as anécdotas infantís do Valadouro, as historias de campismo e mesmo unha lectura improvisada de Cunqueiro, do que destacou a súa musicalidade perfecta. E ten razón, calquera fragmento dos seus textos ten a coerencia das notas dunha partitura.

Ben entrada a noite aínda estivemos un bo cacho a falar fóra do bar. E finalmente despedímonos. Durante tres horas compartimos impresións cun home que nunca deixa de satisfacer a súa curiosidade. Un rapaz que segue sendo dinámico, crítico e emprendedor.

Graciñas Manuel! Esperamos que gozases da experiencia tanto como gozamos nós.



Recomendamos a entrevista a M. Lourenzo en nosquedaportugal.blogspot.com

12 de dezembro de 2009

Manuel Lourenzo preséntase

Estará no Matthews esta tarde, a partir das 18:30 horas.


Manuel Lourenzo fala dos seus proxectos recentes.


Neste vídeo explícanos como comezou a escribir.

11 de dezembro de 2009

Manuel Lourenzo participará nas Conversas galegas


Manuel Lourenzo (vía culturagalega.org)

Onte tivemos confirmación de que Manuel Lourenzo visitará as Conversas galegas o próximo sábado 12 de Decembro. Nunha visita que fixemos a Casahamlet (o estudio teatral do que é co-director), na rúa coruñesa de Afonso VII, recibiu cos brazos abertos a nosa proposta e engadiu que podemos contar con el na convocatoria de mañá. Os poucos minutos do encontro deron para comprobar que é un bo conversador, e estamos seguros de que tamén o demostrará no Matthews.

Lourenzo, destacado membro do teatro galego, leva máis de corenta anos desenvolvendo unha obra en constante crecemento. É autor de innúmeras creacións dramáticas, actuacións teatrais e cinematográficas, traballos de dobraxe, ensaios... Podes coñecer o seu currículum nesta ficha persoal que recolle a súa longa traxectoria.

Na esquerda, nunha das súas actuacións televisivas máis coñecidas polos galegos: Melghacho de Mareas Vivas (vía nosquedaportugal.blogspot.com)

E se queres falar con el, tes a oportunidade de facelo este sábado ás 18:30 horas. O local do encontro é o Matthews Irish Bar (A Coruña). Estás convidado!

4 de dezembro de 2009

Matthews, AchegArte e un novo convidado especial


O pasado 28 de Novembro celebráronse as vixésimo terceiras Conversas galegas. Con puntualidade unha vez máis, os participantes reuníronse ao redor dunha mesa para debater sobre os temas do país. Nesta ocasión xuntáronse oito conversadores, entre eles vellos coñecidos e novas incorporacións!

O tempo, moi chuvioso, facía propicia unha reunión ao quente, e seica tamén activou a retranca de Finbar Matthews, que apareceu en escena facendo gala do seu humor irlandés: "Chove moito. Fóra, está pechado!!", nun instante que produciu as gargalladas de todos os concorrentes, entre os que estaban por primeira vez unha persoa do Peú e outra do Uruguai.

E entre conversa e conversa apareceu un novo convidado especial. Recibimos a visita de Fran Rei, o coordenador de Zonas da Mesa pola Normalización Lingüística. Foi todo un pracer contar con el nesta iniciativa e por suposto levámolo ao seu campo: a sociolingüística. Produciuse un debate sobre o uso do galego entre os xoves que se viu alimentado (e animouse moito) cando un participante preguntou polo reintegracionismo.


Fran Rei (centro) nun acto da Mesa pola Normalización Lingüística.

Contra as 20:45 rematou a nosa estancia no Matthews e mudamos a localización polo Palexco para visitar a feira da industria cultural galega: AchegArte. Xa é a segunda vez que as conversas se desprazan a outro espazo. Esperamos facer novas saídas temáticas!

Novamente, moitas grazas a todos os asistentes ás conversas pola vosa participación!

6 de setembro de 2009

Voltaron as Conversas Galegas!

Ver noticia no PGL


Este sábado 5 de Setembro comezou a nova temporada das Conversas no Matthews. Un reencontro moi esperado de vellos e novos amigos, no que abundaron temas variados e diálogos fluídos. A mesa, case chea ás 18:30, foi o escenario de toda clase de conversas durante máis de tres horas.

Nesta ocasión contamos coa participación de Xosé Lorenzo Tomé, escritor e profesor de Filosofía no IES Miraflores de Oleiros. Soubemos que vén de publicar un último ensaio, O silencio dos deuses, no que segue os fíos que entrelazan Literatura e Filosofía. Gozamos moito da súa compaña e das súas reflexións e esperamos afondar na súa obra en próximos encontros. Moitas grazas Xosé!













26 de abril de 2009

Segundas Conversas Galegas (25/04/2009)


Dez dos participantes na segunda sesión das Conversas Galegas.

A fala espontánea e a sintonía entre os participantes continúan a ser os ingredientes clave das Conversas no Matthews! O 25 de Abril do 2009 a asistencia total foi de 12 persoas que trataron temas moi diversos ao redor dunha mesa deste bar.

Nesta segunda tarde de Sábado, as Conversas puxeron en contacto dúas xeracións grazas á participación dunha convidada moi especial, María Xosé Taboada (familiarmente Pepe), profesora de Lingua e Literatura Galega do instituto María Casares de Oleiros. As súas impresións sobre o uso da lingua dende os tempos nos que ela estudaba ata a actualidade foron un aporte moi interesante para todos. Non podemos esquecer o bo trato que recibimos dela, pois inmediatamente quixo ser unha máis entre nós. Grazas Pepe!