Mostrar mensagens com a etiqueta Excursións. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Excursións. Mostrar todas as mensagens

17 de outubro de 2009

Foto-reportaxe da excursión por Dexo


O 10 de Outubro do 2009, pasadas as 11:30 da mañá, sete expedicionarios partimos da Castañeira, en Lorbé. Tiñamos por diante seis horas de sendas costeiras, orballo, néboa e cantís espectaculares, con vistas ao Atlántico e á illa Marola.






Guiados polo Julio, pasamos xunto á fonte de Vigo e continuamos en dirección a Dexo. Un pouco antes de chegar, tomamos un desvío e comezamos a ver a costa.




Neste sitio, cando o día é soleado, a vista alcanza a costa de Ferrol, a ría de Ares e, con certa intuición, as illas Sisargas. Aquela mañá a brétema deslizábase sobre os cantís e rapidamente foi cubrindo os piñeirais. O mar estivo case oculto durante varios minutos, unha experiencia que produce risco e atracción.






Na pausa do xantar, depois dun intento fallido de entrar no muíño de Dexo, decidimos ir comer xunto á casa do pobo. A cincuenta metros encóntrase a igrexa parroquial, mandada construír polo arcebispo Xelmírez nos inicios do século XII. É unha das varias mostras de románico rural que se encontran na terra das Mariñas. O sitio, protexido polo cemiterio, inspira moita tranquilidade.

"Conversas no adro da igrexa, todos os domingos despois da misa":


:D

Máis adiante pasamos polo Río da Pedra, onde un lavadoiro do século XX recolle as augas que baixan do muíño. En poucos pasos chégase ao porto de Dexo. Cumpre indicar que o verdadeiro Porto é este. O que hai na enseada de Lorbé (nesta mesma parroquia) foi sempre coñecido como Portelo, algo irónico cando hoxe Lorbé é a base da maior flota pesqueira do concello e un importantísimo centro de explotación do mexillón. O porto de Dexo tiña un complicado sistema de varado, con dous grupos de guindastres que elevaban as embarcacións ata unhas rochas e, dende alí, ata o alto do cantil.








Tras pasar á esquerda da punta Rasa, aparecéusenos unha parte espectacular da costa na súa plenitude. Esta zona está chea de furnas e bufadoiros polos que bufa o vapor da auga. Fixemos paraxe nun sitio chamado precisamente punta Bufadoiro.










Como calquera iniciativa seria, tamén temos foto oficial.


Pouco despois, unhas palabras de reflexión e continuamos cara ao oeste xa en territorio de Serantes, parroquia á que pertence a tradicional vila mariñeira de Mera.






Dende a punta do Seixo Branco contémplase unha silueta da cidade moi semellante á que nos mostrou Cornide hai máis de douscentos anos. Mais o principal atractivo deste sitio é a impactante escaleira de pedra branca, con algunhas incrustacións de cuarzo, que recibe o nome de Seixo Branco. É visible dende a outra beira da ría.






E por último, contra as seis da tarde, chegamos á casa do fareiro de Mera, transformada nun interesante museu sobre a vida mariña e os sistemas de guía da baía da Coruña: a Aula do Mar. As vistas dende a terraza fan que esta sexa unha parada imprescindible. Franki, veciño de Dexo, encárgase de que todo marche ben nesta casa e exerceu de anfitrión durante a nosa visita.




A Costa de Dexo-Serantes é unha das mellores portas de entrada que ten a nosa comarca. Non só ten atractivos xeográficos ou etnográficos, no centro do Arco Ártabro é un excelente punto de observación de flora e fauna litoral.

Para nós esta excursión ten dimensión metropolitana, todo coruñés debería coñecer a contorna da súa cidade para así comprendela mellor. Por iso, dende as Conversas Galegas queremos anunciar que no futuro haberá novas excursións pedestres e temáticas!


Unha aperta e ata o próximo sábado... no local habitual!

8 de outubro de 2009

Sendeirismo: Vén coñecer a Costa de Dexo


A entrada das rías de Betanzos e Ares dende a Costa de Dexo (Julio Manuel G. P).

O próximo sábado 10 de Outubro, as Conversas Galegas trocarán o seu escenario habitual no bar Matthews polo marco natural dos cantís de Oleiros. Seguiremos unha variante do Roteiro Mariñán PR-G 87, polas parroquias de Dexo e Serantes. O traxecto dá para observar a fermosa enseada de Lorbé, a costa norte de Oleiros e varias mostras de patrimonio histórico e etnográgico.


Roteiro Mariñán PR-G 87 (Costa norte de Oleiros).

Recentemente a TVG gravou un programa sobre este camiño, coa participación de coñecidos (e ilustres!) veciños oleirenses (pódese ver aquí).

Fotogramas do programa "Botarse ao monte" da TVG (27/07/2009):


O programa é conducido polo actor Xosé Antonio Touriñán, nesta imaxe do porto de Dexo.


Diante dun dos faros de Mera co Franki, guía turístico.


Vista dos cantís de Serantes co cabo Prioriño no fondo.


Na fonte de Canabal co Kukas, un coñecido sendeirista e monitor de tempo libre.


Visita ao baradoiro de José Manuel Gómez, en Lorbé.

Ademais de potenciar a nosa fala, un obxectivo esencial das CG é coñecer o territorio galego, e desta volta observaremos a comarca dende a periferia da Coruña: unha perspectiva imprescindible para comprender a nosa cidade.

Lembrade, este sábado as Conversas non serán no Matthews, serán en Dexo. Para coñecer máis detalles, tedes ao voso dispor o enderezo de correo electrónico conversasgalegas@gmail.com .