Mostrar mensagens com a etiqueta Outras iniciativas. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Outras iniciativas. Mostrar todas as mensagens

14 de junho de 2010

Coñeces GalegoLab?


Vista da web de GalegoLab.

GalegoLab é unha organización sen fin de lucro, fundada en 2010, que ten como obxectivo o impulso de accións concretas de promoción da lingua galega, cun enfoque de abaixo-arriba, con especial incidencia nas culturas emerxentes e na naturalidade da vida cotiá. A súa ferramenta principal é a web GalegoLab, unha rede social de crowdsourcing, para concitar apoios ás accións propias e as que propoñan os usuarios e outros colectivos.

O crowdsourcing é a combinación de traballo e recursos dunha gran cantidade de persoas a través dunha web e cun fin determinado.

O obxectivo da web de GalegoLab é promover novas ideas de actuación a prol da lingua galega, coordinar recursos para esas actuacións, e executar e diseminar os resultados das mesmas.

21 de maio de 2010

Campamento de inmersión lingüística


Os Biocos, antigas minas romanas no concello de San Xoán de Río.

Con frecuencia os que pensamos sobre o futuro do galego preguntámonos pola educación dos máis pequenos. Recentemente chegou ao noso correo un email de Ánxela González (Altega S. L.) anunciándonos que están a organizar un campamento infantil de inmersión na lingua galega no albergue dos Biocos (Terra de Trives). Puxo ao noso dispor un número de teléfono (988 391 389) para calquera pregunta ou suxestión. Tamén sinalou que se houber algunha ANPA, asociación ou outro grupo interesados están dispostos a se achegar para ter unha charla informativa sen ningún tipo de compromiso.

Reproducimos a información enviada:

O campamento de inmersión na lingua e na cultura galega é unha iniciativa de Altega, S.L. para que os nenos e as nenas activen as súas competencias lingüísticas en lingua galega de xeito pleno. Os nosos campamentos están respaldados por unha metodoloxía que garante a educación en valores, fundamental para potenciar a curiosidade, razoamento e capacidade crítica das/dos participantes dende unha perspectiva lúdico-educativa.

O campamento realizaríase no albergue d'Os Biocos no Concello de San Xoán de Río, entre os Concellos de Castro Caldelas e A Pobra de Trives. O transporte dende a vosa comarca correría pola nosa conta.

Respeto ás quendas e á duración dos campamentos, poderiades escoller entre as seguintes opcións:

1ª Quincena de Xullo
- Dende venres 2/Xullo - ata venres 9/Xullo: estancia de 8 dias (7 noites)
- Dende venres 2/Xullo - ata martes 13/Xullo: estancia de 12 dias (11 noites)
- Dende venres 2/Xullo - ata venres 16/Xullo: estancia de 15 dias (14 noites)

2ª Quincena de Xullo
- Dende domingo 18/Xullo - ata domingo 25/Xullo: estancia de 8 dias (7 noites)
- Dende domingo 18/Xullo - ata xoves 29/Xullo: estancia de 12 dias (11 noites)

* Consultar dispoñibilidade no mes de Agosto.

A programación e organización de actividades lúdicas, didácticas e de ocio xirarán entorno ás propias do SpaceCamp (relacionadas coa astronomia, coa ciencia e a tecnoloxía). De preferirdes unha temática para o campamento traballaríase esta coma eixo central do mesmo (por exemplo, "campamento histórico sobre a cultura castrexa"). Obviamente, o persoal sería todo galego-falante creando un espazo lúdico onde os nenos e as nenas vexan recoñecido o galego coma unha ferramenta útil no uso diario e no ámbito científico.



Mapa do concello de San Xoán de Río (fonte: www.concellosanxoanderio.com).

20 de maio de 2010

Palabras galegas na lingua portuguesa


Páxina de inicio da web priberam.pt.

O mundo dos dicionarios de lingua portuguesa está de celebración dende que a Academia Galega da Lingua Portuguesa, en contacto coas academias dos países lusófonos, introduciu unha listaxe de máis de mil palabras de uso na nosa lingua nos dicionarios do país veciño.

Non faltan opinións de todo tipo no eterno debate da identidade do galego. Se por unha banda os lingüistas non dubidan ao afirmaren a pertenza das linguas galega, portuguesa, brasileira (etc) ao mesmo diasistema lingüístico, procedente do tronco galaico-portugués, a opinión dos falantes é menos homoxénea. Basta ler comentarios dos lectores desta nova para comprender a controversia.

"Non me sinto español nin portugués. Síntome galego, e falo o idioma galego. Recuperar vocábulos e "restaurar" a lingua galega é algo que aprobo; por iso me encanta grazas, e todos eses novos 'retoques'. (...) E en Galiza en galego, non en portugués. O noso idioma é o galego, e o dos portugueses é o portugués. (...) Isto non quita que me encante Portugal; de feito estiven no Porto hai dous meses escasos. Muito fermoso!"
(Galegazo, "Só galego".).

Ou estoutro:

"(...) Cando eu era neno, habia un aparello no carro que se chamaba travón, cando os carros deiraxon de andar polos camiños e viñeron os coches a ese aparello empezou a chamárselle freo. Por influencia do castelán. Eu de pequeno decialle a meu tio: tio ¿vou consigo?, tio esto é pra si. Agora diria tio, ¿vou con vostede?. Por influencia do castelán. ¿ Non consideras amigo GALEGAZO que non estaría de máis estar máis en contacto coa lingua portuguesa, ainda que os dous idiomas sexan distintos? (...) ¿Acreditas (portugués), dar creto (galego do de antes)? Saudos."
(Manuel, "Para galegazo" [As ligazóns son nosas]).

En todo caso, existe unha certeza:


A Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP) e a empresa informática Priberam assinaram o dia 26 de abril, em Lisboa, um Protocolo de Cooperação que explicita, entre as atividades a desenvolver: “A incorporação progressiva nas bases de dados e nos programas informáticos da Priberam dos conteúdos da norma galega do português, nomeadamente no relativo ao léxico, semântica, sintaxe e fraseologia”.

O primeiro passo na sua concretização é a inclusão do Léxico da Galiza no Vocabulário que a Priberam disponibiliza na internet, consultável desde o 27 de abril. Nesta primeira vez constam 1092 palavras e as respetivas flexões, de uso corrente na fala quotidiana ou na língua literária da Galiza. O Protocolo inclui a atualização regular deste léxico e a elaboração das suas definições, que serão integradas no Dicionário Priberam e noutros produtos desenvolvidos por esta empresa.

(Tirado de http://aglp.net/index.php?option=com_content&task=view&id=101&Itemid=31).




Tes acceso ao Dicionário da Língua Portuguesa Online a través da sección de dicionarios deste blogue.

19 de maio de 2010

I Xornadas de Pensamento Galego de Bergondo


Preme na imaxe para agrandar.

Descubrimos hai pouco este ciclo de conferencias que a Fundación Viqueira organiza no magnífico auditorio da Senra (Bergondo) dende o mes de Marzo. E oxalá o tivésemos sabido dende o comezo. Hai que destacar a calidade das intervencións, que procuran as claves do pensamento galego nun senso amplo, non só como "pensado en Galicia" mais "pensado para Galicia". A do pasado xoves, do profesor da USC Xosé Luís Barreiro Barreiro, tratou da traxectoria de Castelao como republicano federalista. A derradeira, que se celebrará o 20 de Maio, percorrerá o pensamento educativo de Johán Vicente Viqueira, a quen se dedican estas xornadas.

13 de maio de 2010

Participación no eufalo.tv


Caros amigos,

Este sábado 15 as Conversas galegas celebran a proximidade do Día das Letras. Desta vez, para unírmonos ás reivindicacións pola lingua galega imos colaborar no proxecto documental web de eufalo.tv. Gravaremos un vídeo de 15 minutos no que vós faledes e aportedes a vosa opinión. Todos os que queirades podedes vir e participar!

A gravación do vídeo será ás 17 horas no bar Matthews da Coruña.

Se desexades vir no horario habitual podedes achegarvos máis tarde á nosa tertulia, de 18:30 a 21:00.

11 de maio de 2010

Menos mal que nos queda Portugal falou das Conversas galegas


Guimarães (nosquedaportugal.blogspot.com)

O blogueiro Caralladas, amigo da nosa tertulia do Matthews e autor da coñecida páxina Menos mal que nos queda Portugal, falou no seu espazo sobre as Conversas galegas. Xa van varias veces que as menciona. A primeira, ao coñecer a iniciativa, e esta semana vén de publicar un artigo felicitándonos por levar máis dun ano de conversas. Os blogs Menos mal que nos queda Portugal e Alem do Minho tamén van facer un ano, por iso queremos dar os parabéns por ofrecernos case a diario as mellores análises, reportaxes, artigos divulgativos, entrevistas a persoeiros públicos e guías de viaxe en clave galega co ollar posto en Portugal e no Brasil, unha perspectiva intelixente. Cónstanos que o David é seguidor habitual deste blogue e que fai parte das súas ligazóns, ao carón das mellores bitácoras do país, así que de aquí lle vai unha grande aperta.

1 de abril de 2010

A xanela

"A Xanela" (2010) from daria on Vimeo.

Recentemente descubrimos este vídeo feito por unha estudante rusa de galego. Pasou un mes en Compostela e preguntou a opinión de moitos dos seus habitantes sobre a nosa lingua. A priori nótase que o clima lingüístico desa vila parece máis sosegado que o de aquí (os de eufalo.tv xa se aproximaron). Esperamos que o desfrutedes.

20 de março de 2010

Eu falo!

Alguén dixo que na Coruña non se fala galego. Como é iso? Isabel Risco desmonta este tópico co mellor humor:


"Porque aquí en Coruña tamén se fala galego, que carai, se daquí son as Irmandades da Fala, pero por favor!"

Que A Coruña é unha cidade galega sobra dicilo, mais nestes últimos meses tamén descubrimos que historicamente sempre turrou polo recoñecimento da nosa cultura. Efectivamente aquí tivemos as Irmandades da Fala, a Cova Céltiga, a Real Academia Galega, o grupo de teatro O Facho e outras moitas iniciativas galeguistas. Na Coruña fálase galego? Pois claro.

Para quen queira saber máis, eufalo.tv é un proxecto de documental colaborativo que partiu d' A Navalla Suíza e dun equipo de colaboradores de alto nivel.

É unha historia colectiva sobre a lingua, dende o punto de vista dos seus falantes. É, por tanto, unha historia feita a partir de pequenas historias, un discurso feito con moitos discursos diferentes e variados. Que cada quen tire as súas propias conclusións.

Non esquezades entrar!

8 de março de 2010

BenvidAs á Masa Crítica da Coruña


No blog das Conversas Galegas tamén nos gusta coñecer as outras iniciativas que se realizan na nosa cidade:

Todos os primeiros venres de cada mes, un grupo de máis de trinta ciclistas xúntase na Praza de María Pita para facer un percorrido reivindicativo. Chámanse "A Masa Crítica", e forman parte dun movemento cívico internacional que comezou en San Francisco en 1992 . O seu lema é "Usa a bici todos os días, celébrao unha vez ao mes". Os membros deste grupo, que reclaman máis espazos para as bicicletas, traballan cada día por visibilizar este medio de transporte económico, limpo e saudable.

O traballo constante destes ciclistas críticos merece unha homenaxe, por iso queremos falar deles a través dunha parte do seu traballo. Con motivo do Día da Muller Traballadora, que celebramos hoxe, a Masa Crítica da Coruña editou este pasquín:


A BICICLETA, SÍMBOLO DA EMANCIPACIÓN DA MULLER

Introdución
Falar da bicicleta é falar da historia da humanidade posto que é parte inseparable dela, como o invento da electricidade ou do televisor. Pasou tanto tempo que nos esquecemos da enorme contribución que tivo na emancipación da muller a fins do século XIX.
Desde a aparición da primeira bicicleta coas rodas de igual tamaño e transmisión por cadea en 1885, o seu campo de aplicación aumentou extraordinariamente (por exemplo, a policía, correos e ata o exército beneficiáronse do seu uso). Pero, sen dúbida, a bicicleta era un vehículo para uso persoal e no mundo da muller daquel entón alzouse como símbolo de emancipación.

A muller a fins do S .XIX
A II Revolución Industrial favoreceu o acceso da muller ao traballo e á educación; ao mundo máis aló da súa casa o que lle permitiu descubrir as posibilidades doutra vida. Nem bargante iso só sucedeu nos países máis industrializados, como EEUU, Gran Bretaña, Europa do Norte , Alemaña e en certa medida Francia.
A pesar da incorporación da muller ao mundo laboral, en xeral, o que se esperaba dela era bastante parecido en todas as nacións de Europa occidental e EEUU. Considerábana un obxecto inculto, sen dereitos, que pasaba da posesión paterna á do marido ou fillos homes, que tiñan todo o poder sobre elas, ata non deixalas nin opinar nin escoller o seu propio camiño.
Ata as súas roupaxes victorianas ían encamiñadas a inmobilizalas aínda máis: corpiños, longas e pesadas saias, chapeus e tacóns altos coaccionaban a súa liberdade de movemento e parecían simbolizar o constreñimento das súas vidas.

Contribución da bicicleta á emancipación da muller
O boom da bicicleta en EEUU, Inglaterra e Francia na década de 1890 tivo as súas consecuencias máis profundas no mundo feminino. Aínda que en Estados Unidos en 1895 as mulleres representaban un terzo da poboación ciclista, a súa popularidade viuse aumentada grazas á súa promoción, por parte das primeiras feministas, como medio para mellorar a condición feminina. A bicicleta melloraba a forma física, liberaba ás mulleres do xugo do corpiño e do marido, aumentaba a súa dignidade e levaba á igualdade de sexos. Esa mensaxe calou fondo entre as mulleres e desde todas as clases sociais comezaron a montar en bicicle ta. Estaba nacendo "A Nova Muller".
Susan B. Anthony, unha das primeiras sufraxistas chegou a dicir: "a bicicleta fixo máis pola emancipación da muller que calquera outra cousa".

Por suposto non faltaron voces críticas tanto ao lado feminino como masculino; instábase á non práctica dese exercicio ciclista "depravado e inmoral", xa que promovía "unha vestimenta indecorosa e facilitaba o contacto co outro sexo" o que levaba ás mozas á ruína e á desgraza. Moitos médicos aludían razóns hixiénicas para desaconsellala, e ata se chegou a dicir que "a fricción entre a muller e a sela causáballe un pracer sexual ilícito".

Efixie de Susan B. Anthony nun dólar

Bicis para mulleres e vestiario
A pesar da cruzada contra as mulleres ciclistas, aos fabricantes non lles pasou inadvertido o potencial mercado feminino, pero este tiña un serio problema co seu vestiario, totalmente contrario á práctica de calquera exercicio físico. Por iso lanzáronse modelos de "bicis só para mulleres". O modelo máis exitoso, que chegou ata os nosos días, foi o que baixou a barra horizontal do cadro, permitindo que a saia non fose xa un encordio para montar en bici.
As feministas foron un paso máis aló ao promocionar os bombachos, unha especie de pantalóns turcos frouxos que se anudaban por baixo do xeonllo, no corpo púñanse unha blusa, sen corpiño e na cabeza un sinxelo chapeu de palla. Unha vez máis as reaccións non se fixeron esperar, dicíase que ese terrible vestiario era un escándalo e "provocaba aos homes". Debido ás fortes críticas estes primeiros pantalóns femininos foron substituídos por saias-pantalón, que aínda así, ensinaban un pouco a pantorrilla.
Nembargante, as innovacións no vestir axudaron a liberar á muller dos ríxidos patróns da moda de fins do XIX e a abrir o camiño para unha nova era de independencia feminina.

Situación en España
En España, que vivía ancorada no conservadurismo e o atraso económico respecto dos seus veciños, os movementos feministas, do mesmo xeito que a moda pola bicicleta, chegaron tarde e ben entrado o S.XX. Aínda nos anos 40 non era frecuente ver mulleres en bicicleta; as que se atrevían a utilizala facíano con saias ou, como moito, con saias-pantalón, pero aínda eran moi pouco habituais as mulleres ciclistas.
Case ninguén se podía permitir ter unha bicicleta de recreo, polo que eran frecuentes os locais de aluguer. Con todo, os traballadores que vivían nos arredores das cidades e vilas utilizábanas como medio de transporte para acudir a traballar.

Conclusións
Durante a primeira metade do s. XX a bicicleta pasou por períodos de popularidade e desuso, aos que contribuíron as dúas guerras mundiais e a aparición dos vehículos de motor respectivamente. Con todo, a súa versatilidade e baixo custo fixo que se popularizase como medio de transporte entre as clases menos favorecidas contribuíndo a que tanto homes como mulleres a utilizasen nos seus desprazamentos.
Actualmente, do mesmo xeito que fai cen anos, a bicicleta é un dos vehículos que máis fomenta a independencia. Por iso, nos lugares onde a muller aínda non goza do mesmo estatus que o home, a bici pode colaborar a conseguir un desenvolvemento verdadeiramente igualitario entre ambos os sexos.

APOIÉMOLO ENTRE TODOS!! SACA A TÚA BICI Á RÚA , SEXAS HOME OU MULLER !! ÚNETE A NÓS TODOS OS PRIMEIROS VENRES DE MES - 20:00H EN MARÍA PITA
MASA CRÍTICA CORUÑA - www.bicis.info/foro - http://www.bicis.info/

18 de dezembro de 2009

Centro de Saúde: lingua sobre lingua


O pasado 13 de Decembro, varios habituais das Conversas galegas acudimos ao local da asociación Manicómicos, na Coruña, para participarmos nunha experiencia de teatro-fórum, unha variante na que o espectador pode intervir para mudar o final da obra. A peza que fomos ver titúlase "Centro de Saúde" e representa o conflito lingüístico na Galiza inspirándose nun feito real de discriminación que aconteceu no Servizo Galego de Saúde. Este método coñécese como teatro do oprimido, e debe o seu nome ao brasileiro Augusto Boal, finado en Maio deste ano.


O máis destacado deste xeito de facer teatro é que actores e público entran en contacto dende o primeiro momento: todos xuntos rachan a liña invisible que separa os asentos da zona de actuación e participan nuns xogos de animación. Cando a xente xa está preparada e desinibida, comeza a actuación. E despois aínda se rachan máis límites, pois se pregunta ao público a opinión sobre o acontecido e entón comeza un intenso debate entre actores e espectadores. Cando alguén do público pensa que ten unha solución ao problema exposto, entón vólvese representar fielmente o final da actuación e ese alguén pode participar modificando o papel da personaxe oprimida.


Neste particular "Centro de Saúde" escenificouse o conflito sucedido entre unha castelanfalante e unha galegofalante, demostrando ata que punto se poden tensar as cousas cando non hai vontade de comprenderse. Unha doutora galega séntese incómoda cunha doente que fala galego e, violentada por elo, insístelle en que se comunique en castelán. A doente primeiro discute con ela, mais comprende que necesita atención médica e finalmente desiste, baixa a testa e obedece.

Esta situación discriminatoria, acontecida nunha vila galega, non deixa de ser real e ao mesmo tempo incrible, e rapido apareceron as reaccións. O público participou moi activamente e escoitáronse moitos argumentos e reflexións. Tamén se debateu sobre outros momentos da obra protagonizados por personaxes diglósicas.

Ao finalizar o acto, os actores aplaudiron ao público. Foi un pracer descubrir esta orixinal fórmula teatral, realmente estimulante! A ela asistiu, entre os actores, a nosa amiga Carmen. Esperamos que a volvan repetir.