25 de setembro de 2009
Comemos ben?
No decurso das Conversas galegas, hai un tema que xa temos discutido en moitas ocasións. Podemos gozar dunha boa alimentación que sexa ao mesmo tempo ambientalmente sustentable?
Descubrimos recentemente unha iniciativa de agricultores da área Compostela-Sar que comercializan pola Internet e envían a domicilio os seus produtos naturais, cultivados sen tratamentos químicos. Chámase Proxecto Amorodo, e coordina veciños de tres concellos: Ames, Rois e Dodro co fomento dunha agricultura sustentable de calidade máis próxima ao consumidor. Simple e convincente, ofrecen alimentos bos e saudables e deixan de depender da intermediación, polo que reciben prezos equilibrados. Experiencias semellantes están a nacer por todo o país, pretendendo potenciar o comercio local.
Como consumidores urbanos, estas iniciativas poden interesarnos. Moita da fruta que consumimos vén de lonxe e mantense fresca e bela en cámaras frigoríficas, mais perde outras propiedades. Alén diso, non temos garantías de que o que compramos non sexa produto da agricultura biolóxica, non coñecemos que solucións químicas foron empregadas, e aínda menos as consecuencias que poden ter na nosa saúde.
Grazas ás melloras nas comunicacións podemos ter unha ponte directa entre a horta e a nosa casa. Definitivamente, podemos comer san, con sabor de orixe, contaminar menos e saber que a nosa compra vai recompensar a agricultura da nosa terra, axudando a que o agro siga activo.
Será a agricultura ecolóxica o futuro das cociñas galegas?
Noticia no Bos Días Magazine da TVG (18/09/2009).
Nova relacionada na web da Gentalha do Pichel.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário