21 de setembro de 2009

Ollando ao sur



Curiosas coincidencias. O pasado sábado, día no que recibimos a noticia de que o Jornal de Notícias publicara para os lectores portugueses o Manifesto pola hegemonia social do galego, foi tamén tarde de ollar ao sur nas Conversas Galegas.

Por vez primeira, falamos de Portugal, nunha sesión de estimulante discusión política. Un dos nosos contertulios defendeu, á marxe do reintegracionismo ortográfico, a idea de que incrementar as conexións co alén Miño é unha opción estratéxica para o futuro, agora que políticos e empresarios potencian o Eixo Atlántico.

É ben certo que Portugal, independentemente da opción ideolóxica, ten sido moitas veces o espello no que moitos galegos se miran. Tamén o foi Irlanda pola súa cultura ou pola loita emancipadora. Mais no caso do noso veciño do Miño, é indiscutible que compartimos algo máis: un pasado e tradicións comúns que persisten a pesar das diferenzas, entre as que un elemento fundamental é a lingua galega (Rodríguez Castelao deixou para a historia a frase A nosa lingua vive e florece en Portugal). Agora, máis que nunca, formamos parte dun mesmo espazo xeopolítico que vai camiño de se consolidar en Eurorrexión.

Neste marco é onde a cultura, a lingua ou a economía galegas poden dar un paso e acadar proxección internacional. Estamos nunha privilexiada encrucillada entre o mundo hispanoamericano, as nacións celtas e os países de lingua portuguesa. Nesta oportunidade mundial partimos con vantaxe: o galego é a nosa mellor carta de presentación.

2 comentários:

  1. Moitas grazas pola mención.

    Deixo eiqui o artigo onde explicamos o noso punto de vista... http://nosquedaportugal.blogspot.com/2009/07/o-dia-25-e-o-galego.html

    que se resume básicamente en que o tema non é reintegración ortográfica si ou non, iso pódese defender ou estar en contra, máis iso é pouco menos que irrelevante. O importante son dous puntos:

    1. incrementar a nosa exposición á cultura lusobrasileira. O castelán tamén prospera grazas ó cine arxentino, á literatura de García Márquez, a música de Shakira ou ás telenovelas venezolanas (con perdón), por exemplo. O galego sobreviveu a 4 séculos escuros porque non houbo apenas exposición ó castelán, pero de 60 anos pracó, o asoballamento da lingua (medios de comunicación, educación, institucións do estado, etc.) é brutal. Temos que aproveitar ferramentas como internet pra achegarnos á cultura lusa e brasileira, aproveitar que xa non hai fronteira con Portugal pra empapármonos mútuamente e botar abaixo barreiras que xa non existen, que son só mentais. España non é o Perú. Galiza tampouco é Portugal nin Brasil, pero temos moito que compartir, e daralle vida á nosa língua.

    2. Se en Galiza non viviramos unha situación de "esquizofrenia nacional", onde non sabemos se somos "nación, nazón, nazón de breogán, comunidade autónoma ou provincia de madrid", a defensa do galego sería sinxela de conseguir, simplemente "é a nosa lingua". é motivo abondo pra defendela. Máis desafortunadamente a situación non é esa. Deixando a un lado que hai moito desgrazado ó que lle importa unha merda que a nosa cultura morra (todo o contrario, é o que buscan có seu "vil-lingüismo"), o certo é que, sexan moitos ou non, non son nin por asomo unha parte significativa da sociedade. Tampouco o somos os que defendemos o galego "porque sí, porque é o noso". O certo é que a maioría da xente está "desideoloxizada" (o cal non é malo de por sí), e isa xente FALARÁ GALEGO SÓ SE LLE VEN UTILIDADE. Insisto, a nosa lingua non debería pervivir por útil ou non, senón por ser nosa, máis tal e como está o conto, coido que non lle queda outra.

    E pra conseguir que a xente perciba que o galego ten utilidade, nada mellor que incrementar as nosas relacións económicas, comerciais, culturais e sociais con Portugal e Brasil. De verdade os rapaces non verían que falar galego élles útil se lles permite conseguir un posto de traballo nunha empresa que precise xente que fale galego porque, a diario, teñen clientes cós que tratar en Sao Paulo, en Lisboa, etc? (i en moitos sitios que algúns non se imaxinan, xa vos contei como falar galego me abriu portas en Luxemburgo, por exemplo)

    E non esquezamos que HOXE, (sí, xa hoxe) Brasil é a 8ª potencia mundial, por encima de... España: http://nosquedaportugal.blogspot.com/2009/07/brazil-8-economia-do-mundo.html

    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas polas súas precisións, Caralladas. Xa que o comenta, podemos incidir máis na cuestión da "utilidade".
    Apertas.

    ResponderEliminar