21 de dezembro de 2009

María Luz Canal participou nas Conversas galegas


A nosa convidada, no centro da imaxe.

Chegou preparada á cita. Provista dun cartafol que contiña papeis varios (dende textos da plataforma Galego. Patrimonio da Humanidade ata unha copia do Estatuto de Autonomía de 1980) María Luz Canal apareceu puntual no escenario das Conversas galegas o 19 de Decembro do 2009.

Como anunciáramos días antes neste mesmo blog, esta xurista arraiana, natural de Lobios (Baixa Limia), ten unha traxectoria indiscutiblemente ligada á defensa da lingua galega na vida social e na xustiza. Grazas a ela, obtivemos unha radiografía do poder xudicial na actualidade neste país.


M. Luz non o nega, considérase rara avis nun espazo dominado maioritariamente polas ideas conservadoras e mantense fiel ao seu compromiso progresista, en clave de muller e con identidade galega, defendéndoo con vehemencia (non en van, as súas orixes familiares estiveron fortemente vencelladas ao republicanismo ourensán). Os primeiros datos que tira déixannos de pedra: de 300 xuices, tan só 10 redactan algunha vez sentenzas en galego; entre os fiscais a proporción é semellante: apenas o 7% está en condicións de defendelo.

É totalmente certo que no panorama xurídico galego aínda se agarda dende hai vinte e cinco anos un dicionario específico que conteña os tecnicismos expresados en lingua galega. Coñecendo esta circunstancia comezamos a comprender o problema.

Guiados por esta experta, aprendemos sobre as competencias do TSXG e sobre o dereito civil galego. Si amigos!, temos dereito civil propio ("aínda que pouca xente o sabe, incluídos moitos avogados"). E unha sorpresa máis: a nosa convidada contribuíu a redactalo. Sen dúbida isto merece unha comunicación á sociedade. Luz fai autocrítica mais recoñece que existen iniciativas para visibilizalo, como a REvista XURídica GAlega, na que ela colabora.

Ademais de cuestións competenciarias (Estatuto en man) tivemos tempo para as plataformas de apoio ao galego, a toponimia e outras conversas máis triviais.

Foi unha sesión moi interesante pois achegou perspectivas que ata o momento non se expuxeran en reunións anteriores, da man dunha profesional da xustiza. A impresión de todos foi moi boa e esperamos tela connosco novamente.

Unha aperta Luz!



1 comentário: