6 de fevereiro de 2010

Feliz ano suevo!


O 2010 é unha data importante na historia de Galiza, cúmprense 1600 anos da fundación do reino suevo, o máis antigo de Europa. Pensan os galegos celebrar esta efeméride? Fálanos disto o arqueólogo, profesor de Xeografía e Historia e humorista gráfico Franjo Padín dende o seu blogue Novas de Arqueoloxía.

Imaxe: O rei Teodomiro con tres bispos (Códice Vixiliano).

En outono do ano 409, unha grande grei de xentes chegan a Gallaecia. En longas ringleiras, homes armados, a pé ou a cabalo, recorren as vellas estradas do Imperio Romano. Van vestidos con mantos de lá que prenden con grandes fivelas no ombro. As súas guedellas e bigodes confírenlles un aspecto feroz, acrescentado polas longas espadas e lanzas que portan, e o estraño acento da súa lingua, que sóa áspero e bárbaro a quen os escoita. Tras eles, en grandes carros de bois, viaxan as súas mulleres e enseres. Non é unha horda de saqueadores que veñan arrasar as vilas e cidades para logo marchar co botín. Veñen ficar para sempre.

O rei destes invasores, ou inmigrantes, Hermerico, aproveitara a delicada situación política e militar do Imperio de Occidente para atravesar o limes, a fronteira norte do Imperio, quizais incitado polo xeneral romano-xermano Estilicón para favorecer as súas particulares ambicións. Unha vez dentro do Imperio, os Suevos, que así se chamaba este pobo, convertíronse en instrumento das loitas intestinas polo poder en Roma, a cambio de terras onde asentarse. Así chegaron a Galicia, tras pactar co emperador Honorio un foedus, un tratado de alianza con Roma, polo cal comprometíanse a manterse quedos e en paz a cambio de terras nas que instalarse. ("Habitabant ibi foederatorum conditione sub regibus suis Suebi", di Hidacio de Chaves). A provincia da Gallaecia emancipábase así do poder imperial, coa ledicia do campesiñado, que se libraba da pesada fiscalidade romana e os seus gravosos trabucos, e co espanto das clases urbanas aristocráticas e católicas, conservadoras e saudosas dun imperio moribundo. Hermerico convertiuse no primeiro rei do primeiro e máis antigo reino do Occidente medieval. Galicia.

A historia non trata ben aos Suevos. As escasas crónicas que se ocupan desta época convulsa foron redactadas por membros desa temerosa aristocracia galaicorromana que miraba perigar o seu statu quo particular. Segundo Hidacio, o principal dos cronistas que nos informan, as plagas de Exipto foron orballo comparado cos Suevos, bestas depredadoras “semper fallaces et perfidi”. O retrato destes reis e das súas vicisitudes debuxan un panorama de crises políticas, loitas civiles, decadencia e derrota. Para colmo, un século de historia do reino (entre o 469 e o 550) está sumido nunha impenetrable escuridade, pois non se coñece case ningunha fonte histórica para estes tempos.

Tampouco interesaron os Suevos a ninguén. A historiografía española xamais adicou a menor atención a este episodio, ben por unha inconfesable impotencia ante as sombras que asulagan estes remotos tempos, ou ben porque, aqueixada como está dun acrítico nacionalismo, preferiu outorgar o protagonismo aos visigodos, xentes nas que non se dubidou en identificar aqueles rasgos que definen a esencia da nación española (a saber: catolicismo e monarquía peninsular unitaria. Por Dios la patria y el rey murieron nuestros padres). Tampouco a historiografía portuguesa quere saber nada dos Suevos. Resulta sintomático que o reino de Portugal, que naceu como nación entre o Miño e o Douro, na Gallaecia máis latinizada, o cerne precisamente do reino Suevo, se identifique coa Lusitania. En Europa, outros historiadores ocultaron cun altaneiro desdén a súa propia ignorancia. Lucien Musset chegou a ornear que “se os suevos de España (sic) non existisen, a historia non tería cambiado en nada importante”. 175 anos de historia suprimida cunha frase atroz.

En Galicia, a cousa non pinta moito mellor. Os historiadores máis vinculados ao galeguismo, que podían mirar con bós ollos aos Suevos, nunca gozaron de continuidade nos seus traballos (e niso ten moito que ver o nacionalismo español en armas). E os demais miraron sempre o seu discurso condicionado pola opinión xeralizada e poderosa da historiografía dominante en España, ás máis das veces sectaria. Nos libros de texto de Ensino Obrigatorio da Galicia actual (2º de ESO, Obradoiro-Santillana, por exemplo), o Reino Suevo ocupa seis liñas.

Merecen os suevos este esquecemento? Lonxe de ser bárbaros peludos e incivilizados, viviron séculos en contacto cos romanos na fronteira. As súas incursións pola península, calificadas de meros saqueos e asasinatos, responderon máis ben a plans organizados de expansión e de asentamento do poder dunha monarquía guerreira. Pese ao panorama de loitas civiles polo poder coas que se pinta aos pobos xermánicos (e do que os visigodos teñen grande parte de culpa), os suevos constituíron unha monarquía cun sistema de sucesión herditario, a priori estable, no que o fillo era asociado ao trono en vida do pai. As moedas que cruñaron, (importantísimas por cantidade e calidade) primeiro imitando a moeda imperial, e máis tarde cruñando moeda propia (Requiario é o primeiro rei xermánico de Europa que cruña moeda co seu nome entre o 448 e o 456), dan a entender que o comercio non decaeu, senón ao contrario. Fronte a tradicional imaxe de caos xeralizado, os reis suevos remataron por asumir unha política de cohesión social a partir da aceptación do catolicismo, do apoio da monarquía na organización territorial da Igrexa, uniformizada a través dos Concilios de Braga, e na busca de equilibrios internacionais (con francos, visigodos e bizantinos) que garantizasen a súa supervivencia.

A data da fundación do reino suevo, o primeiro reino de Galicia, foi nun intre incerto entre o 410 e o 411. Cúmplense logo 1600 anos do reino máis antigo de Europa. Francia celebra cada centenario da Revolución facendo unha torre xigantesca ou unha biblioteca. Uruguai no seu centenario fixo o primeiro mundial de fútbol. En Galicia faise... un Xacobeo (sen que se saiba xa qué demo é iso). Por iso, en Galicia pesa tanto este silenzo sobre o seu propio cumpleanos como entidade política independente, que só pode ser debido a unha combinación letal de ignorancia e aldraxe, mal que aqueixa a toda a nosa clase política. E por iso, tamén hai quen andamos en celebrar a efeméride facendo o mellor que podemos facer por nós mesmos: animar a coñecer a nosa historia, para saber de quén vimos sendo.


4 comentários:

  1. Moi interesante. son moitos séculos de agochamento interesado da nosa historia, pero pouco a pouco iremos sabendo máis dela, e 'a verdade nos fará libres', que algún dixo por ahi.

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas aO'Padín pola súa claridade e por deixarnos publicar o seu texto!

    ResponderEliminar
  3. Estamos de acordo, Caralladas, esta é unha realidade que hai que difundir. Estráñame que os amigos de Sei o que nos figestes... non organizasen aínda un acto para rememoralo. Algo nos terán reservado!

    ResponderEliminar
  4. Grazas a vós por difundir a miña prosa.
    Seioque algo fará, e pola miña banda (máis seriota) eu algo farei. Non polo mesmo camiño, (non sería serio falar dunha revisión da historiografía galega dende o ridiculismo, como non sería gracioso disfrazar a un fato de académicos de prestixio de reis suevos e tomarse en serio o que digan). Pero son vías complementarias. Hai que falar de quen somos, de onde vimos e cara onde vamos sexa como sexa e en todos os foros posibles.

    ResponderEliminar