7 de junho de 2010

Novos capítulos do Ben Falado!


Boas noticias! Hoxe ás 15:30 a TVG emitirá un novo capítulo do noso programa de cabeceira, o microespazo da lingua galega Ben falado!, un programa que nos anos 2008 e 2009 achegou ás nosas casas un traballo divulgativo imprescindible. Xesús Ferro e os sus colaboradores elaboraron pequenas leccións sobre a historia da nosa fala, os usos das palabras, as variedades xeográficas, a pronuncia, o refraneiro galego, a ortografía... Dende xullo do 2009 non tivemos noticias do Ben falado!, o cal creou moitas preguntas. Moita xente pediu a súa volta e mesmo se chegou a crear un grupo no Facebook, Queremos "Ben Falado". Hoxe as dúbidas teñen resposta coa emisión do capítulo 250.

Reproducimos algúns fragmentos da entrevista que o diario A Nosa Terra fixo ao director do programa Xesús Ferro Ruibal, no que avanza algúns ingredientes desta nova etapa:



Primeiro capítulo (21/07/2008).

"Como novidade imos introducir nun principio dúas seccións mensuais. Unha delas situará a lingua galega no contexto das linguas románicas para ver como evolucionaron as verbas do latín ao galego e coñecer como foi esa conversión noutras linguas romances. A outra sección nova, baixo o título Ecoloxía Lingüística Internacional, presentarase como un noticiario no que se darán a coñecer os acontecementos e procesos semellantes de normalización lingüística que se están facendo en todo o mundo para situar o esforzo de normalización lingüística do galego no contexto mundial."

"A través de entrevistas e reportaxes nas que amosamos o esforzo normalizador dun centro escolar ou unha empresa, nas que falamos con persoas que en universidades estranxeiras aprenden o galego e o falan con naturalidade, ou recollemos expresións da nosa fala, queremos que a xente se sinta mellor coa súa lingua. Porque como dicía Uxío Novoneyra, "a lingua é o único sitio onde os mortos seguen vivos". O galego é un patrimonio e nós queremos darlles visibilidade ás emocións relacionadas coa lingua da xente."

"Os temas que tratamos teñen vixencia sempre porque, precisamente é a lingua a que tira por nós. De feito dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística enviáronse aos centros de ensino de toda Galiza e a universidades do estranxeiro unha selección de 80 capítulos de Ben Falado que me consta que se usan como material didáctico nas aulas para explicar moitos temas lingüísticos. Isto tamén quere dicir que o galego é un dos elementos máis vivos da nosa cultura."

"Descoñezo se co programa a xente vai falar mellor ou vai ter maior interese polo galego. O que descubrín nas gravacións é que a xente das aldeas fálao moi ben e, aínda que non sexa consciente, ten unha maneira literaria de falar porque usa figuras estilísticas e ten unha vontade de estilo. Grazas á xente do rural o galego conserva unha gran riqueza léxica e fraseolóxica. Por iso lles teño moito respecto."

"a Televisión de Galicia é unha das mellores cousas que lle aconteceu á lingua galega nos últimos 1.000 anos pola súa capacidade de difusión e por ter o noso idioma como un feito diferencial. Conseguir que cousiñas tan pequenas como o Ben Falado se sigan diariamente nos cinco continentes ou se garden para usar cos alumnos de galego de todo o mundo é posíbel pola existencia da TVG."




Xesús Ferro Ruibal nun capítulo de Ben falado!

Como adoita dicir Xesús Ferro ao se despedir, fechando e abrindo rápido a man como fan os galegos, aí vos vai un grande...

abur!

Sem comentários:

Enviar um comentário