22 de maio de 2010

Hoxe comeza a funcionar o servizo de préstamo da Biblioteca das Conversas

Non tedes planos para esta tarde? Ofrecémosvos unha proposta que vos ha gustar! Hoxe, como cada sábado, estades convidados a vir ao Matthews ás 18:30. Teremos novamente ao noso dispor o fantástico fondo bibliográfico e de revistas para lle botardes un ollo e levardes algún exemplar para a casa, xa están catalogados.

Dende hoxe, poñemos en marcha o servizo de préstamo das Conversas, que conta con máis de 40 publicacións dos últimos 30 anos entre libros galegos (narrativa, ensaio, poesía e teatro), revistas, folletos de exposicións e guías turísiticas, cedidas polos amigos das Conversas galegas. Podes aproveitar esta oportunidade e tamén contribuír a ela con novas aportacións.

Ata a tardiña!

21 de maio de 2010

Campamento de inmersión lingüística


Os Biocos, antigas minas romanas no concello de San Xoán de Río.

Con frecuencia os que pensamos sobre o futuro do galego preguntámonos pola educación dos máis pequenos. Recentemente chegou ao noso correo un email de Ánxela González (Altega S. L.) anunciándonos que están a organizar un campamento infantil de inmersión na lingua galega no albergue dos Biocos (Terra de Trives). Puxo ao noso dispor un número de teléfono (988 391 389) para calquera pregunta ou suxestión. Tamén sinalou que se houber algunha ANPA, asociación ou outro grupo interesados están dispostos a se achegar para ter unha charla informativa sen ningún tipo de compromiso.

Reproducimos a información enviada:

O campamento de inmersión na lingua e na cultura galega é unha iniciativa de Altega, S.L. para que os nenos e as nenas activen as súas competencias lingüísticas en lingua galega de xeito pleno. Os nosos campamentos están respaldados por unha metodoloxía que garante a educación en valores, fundamental para potenciar a curiosidade, razoamento e capacidade crítica das/dos participantes dende unha perspectiva lúdico-educativa.

O campamento realizaríase no albergue d'Os Biocos no Concello de San Xoán de Río, entre os Concellos de Castro Caldelas e A Pobra de Trives. O transporte dende a vosa comarca correría pola nosa conta.

Respeto ás quendas e á duración dos campamentos, poderiades escoller entre as seguintes opcións:

1ª Quincena de Xullo
- Dende venres 2/Xullo - ata venres 9/Xullo: estancia de 8 dias (7 noites)
- Dende venres 2/Xullo - ata martes 13/Xullo: estancia de 12 dias (11 noites)
- Dende venres 2/Xullo - ata venres 16/Xullo: estancia de 15 dias (14 noites)

2ª Quincena de Xullo
- Dende domingo 18/Xullo - ata domingo 25/Xullo: estancia de 8 dias (7 noites)
- Dende domingo 18/Xullo - ata xoves 29/Xullo: estancia de 12 dias (11 noites)

* Consultar dispoñibilidade no mes de Agosto.

A programación e organización de actividades lúdicas, didácticas e de ocio xirarán entorno ás propias do SpaceCamp (relacionadas coa astronomia, coa ciencia e a tecnoloxía). De preferirdes unha temática para o campamento traballaríase esta coma eixo central do mesmo (por exemplo, "campamento histórico sobre a cultura castrexa"). Obviamente, o persoal sería todo galego-falante creando un espazo lúdico onde os nenos e as nenas vexan recoñecido o galego coma unha ferramenta útil no uso diario e no ámbito científico.



Mapa do concello de San Xoán de Río (fonte: www.concellosanxoanderio.com).

20 de maio de 2010

Palabras galegas na lingua portuguesa


Páxina de inicio da web priberam.pt.

O mundo dos dicionarios de lingua portuguesa está de celebración dende que a Academia Galega da Lingua Portuguesa, en contacto coas academias dos países lusófonos, introduciu unha listaxe de máis de mil palabras de uso na nosa lingua nos dicionarios do país veciño.

Non faltan opinións de todo tipo no eterno debate da identidade do galego. Se por unha banda os lingüistas non dubidan ao afirmaren a pertenza das linguas galega, portuguesa, brasileira (etc) ao mesmo diasistema lingüístico, procedente do tronco galaico-portugués, a opinión dos falantes é menos homoxénea. Basta ler comentarios dos lectores desta nova para comprender a controversia.

"Non me sinto español nin portugués. Síntome galego, e falo o idioma galego. Recuperar vocábulos e "restaurar" a lingua galega é algo que aprobo; por iso me encanta grazas, e todos eses novos 'retoques'. (...) E en Galiza en galego, non en portugués. O noso idioma é o galego, e o dos portugueses é o portugués. (...) Isto non quita que me encante Portugal; de feito estiven no Porto hai dous meses escasos. Muito fermoso!"
(Galegazo, "Só galego".).

Ou estoutro:

"(...) Cando eu era neno, habia un aparello no carro que se chamaba travón, cando os carros deiraxon de andar polos camiños e viñeron os coches a ese aparello empezou a chamárselle freo. Por influencia do castelán. Eu de pequeno decialle a meu tio: tio ¿vou consigo?, tio esto é pra si. Agora diria tio, ¿vou con vostede?. Por influencia do castelán. ¿ Non consideras amigo GALEGAZO que non estaría de máis estar máis en contacto coa lingua portuguesa, ainda que os dous idiomas sexan distintos? (...) ¿Acreditas (portugués), dar creto (galego do de antes)? Saudos."
(Manuel, "Para galegazo" [As ligazóns son nosas]).

En todo caso, existe unha certeza:


A Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP) e a empresa informática Priberam assinaram o dia 26 de abril, em Lisboa, um Protocolo de Cooperação que explicita, entre as atividades a desenvolver: “A incorporação progressiva nas bases de dados e nos programas informáticos da Priberam dos conteúdos da norma galega do português, nomeadamente no relativo ao léxico, semântica, sintaxe e fraseologia”.

O primeiro passo na sua concretização é a inclusão do Léxico da Galiza no Vocabulário que a Priberam disponibiliza na internet, consultável desde o 27 de abril. Nesta primeira vez constam 1092 palavras e as respetivas flexões, de uso corrente na fala quotidiana ou na língua literária da Galiza. O Protocolo inclui a atualização regular deste léxico e a elaboração das suas definições, que serão integradas no Dicionário Priberam e noutros produtos desenvolvidos por esta empresa.

(Tirado de http://aglp.net/index.php?option=com_content&task=view&id=101&Itemid=31).




Tes acceso ao Dicionário da Língua Portuguesa Online a través da sección de dicionarios deste blogue.

19 de maio de 2010

I Xornadas de Pensamento Galego de Bergondo


Preme na imaxe para agrandar.

Descubrimos hai pouco este ciclo de conferencias que a Fundación Viqueira organiza no magnífico auditorio da Senra (Bergondo) dende o mes de Marzo. E oxalá o tivésemos sabido dende o comezo. Hai que destacar a calidade das intervencións, que procuran as claves do pensamento galego nun senso amplo, non só como "pensado en Galicia" mais "pensado para Galicia". A do pasado xoves, do profesor da USC Xosé Luís Barreiro Barreiro, tratou da traxectoria de Castelao como republicano federalista. A derradeira, que se celebrará o 20 de Maio, percorrerá o pensamento educativo de Johán Vicente Viqueira, a quen se dedican estas xornadas.

13 de maio de 2010

Participación no eufalo.tv


Caros amigos,

Este sábado 15 as Conversas galegas celebran a proximidade do Día das Letras. Desta vez, para unírmonos ás reivindicacións pola lingua galega imos colaborar no proxecto documental web de eufalo.tv. Gravaremos un vídeo de 15 minutos no que vós faledes e aportedes a vosa opinión. Todos os que queirades podedes vir e participar!

A gravación do vídeo será ás 17 horas no bar Matthews da Coruña.

Se desexades vir no horario habitual podedes achegarvos máis tarde á nosa tertulia, de 18:30 a 21:00.

11 de maio de 2010

Menos mal que nos queda Portugal falou das Conversas galegas


Guimarães (nosquedaportugal.blogspot.com)

O blogueiro Caralladas, amigo da nosa tertulia do Matthews e autor da coñecida páxina Menos mal que nos queda Portugal, falou no seu espazo sobre as Conversas galegas. Xa van varias veces que as menciona. A primeira, ao coñecer a iniciativa, e esta semana vén de publicar un artigo felicitándonos por levar máis dun ano de conversas. Os blogs Menos mal que nos queda Portugal e Alem do Minho tamén van facer un ano, por iso queremos dar os parabéns por ofrecernos case a diario as mellores análises, reportaxes, artigos divulgativos, entrevistas a persoeiros públicos e guías de viaxe en clave galega co ollar posto en Portugal e no Brasil, unha perspectiva intelixente. Cónstanos que o David é seguidor habitual deste blogue e que fai parte das súas ligazóns, ao carón das mellores bitácoras do país, así que de aquí lle vai unha grande aperta.

8 de maio de 2010

Voltan os Maios


Preme na imaxe para ver o vídeo.

Un ano máis, chega a festa dos Maios, unha celebración estacional na que se dá benvida á primavera. Neste vídeo de BierzoTv fálase dos Maios de Vilafranca, un concello do Bierzo occidental onde, como teremos ocasión de ver, existen moitos elementos culturais comúns cos vales de Lugo e de Ourense e onde de feito moita xente fala a mesma variedade de galego.

Benvidos os Maios!