26 de dezembro de 2009

No día da selección galega


No día da celebración do partido anual da selección galega de fútbol, tivemos unha inesperada conversa sobre psicoloxía con dous representantes galegos desta disciplina que estudan en universidades de Castela e León. Unha aperta mozos!

21 de dezembro de 2009

María Luz Canal participou nas Conversas galegas


A nosa convidada, no centro da imaxe.

Chegou preparada á cita. Provista dun cartafol que contiña papeis varios (dende textos da plataforma Galego. Patrimonio da Humanidade ata unha copia do Estatuto de Autonomía de 1980) María Luz Canal apareceu puntual no escenario das Conversas galegas o 19 de Decembro do 2009.

Como anunciáramos días antes neste mesmo blog, esta xurista arraiana, natural de Lobios (Baixa Limia), ten unha traxectoria indiscutiblemente ligada á defensa da lingua galega na vida social e na xustiza. Grazas a ela, obtivemos unha radiografía do poder xudicial na actualidade neste país.


M. Luz non o nega, considérase rara avis nun espazo dominado maioritariamente polas ideas conservadoras e mantense fiel ao seu compromiso progresista, en clave de muller e con identidade galega, defendéndoo con vehemencia (non en van, as súas orixes familiares estiveron fortemente vencelladas ao republicanismo ourensán). Os primeiros datos que tira déixannos de pedra: de 300 xuices, tan só 10 redactan algunha vez sentenzas en galego; entre os fiscais a proporción é semellante: apenas o 7% está en condicións de defendelo.

É totalmente certo que no panorama xurídico galego aínda se agarda dende hai vinte e cinco anos un dicionario específico que conteña os tecnicismos expresados en lingua galega. Coñecendo esta circunstancia comezamos a comprender o problema.

Guiados por esta experta, aprendemos sobre as competencias do TSXG e sobre o dereito civil galego. Si amigos!, temos dereito civil propio ("aínda que pouca xente o sabe, incluídos moitos avogados"). E unha sorpresa máis: a nosa convidada contribuíu a redactalo. Sen dúbida isto merece unha comunicación á sociedade. Luz fai autocrítica mais recoñece que existen iniciativas para visibilizalo, como a REvista XURídica GAlega, na que ela colabora.

Ademais de cuestións competenciarias (Estatuto en man) tivemos tempo para as plataformas de apoio ao galego, a toponimia e outras conversas máis triviais.

Foi unha sesión moi interesante pois achegou perspectivas que ata o momento non se expuxeran en reunións anteriores, da man dunha profesional da xustiza. A impresión de todos foi moi boa e esperamos tela connosco novamente.

Unha aperta Luz!



18 de dezembro de 2009

Xustiza, galego e autonomía nas Conversas do 19


Amigos/as das Conversas galegas,

Este sábado 19 de Decembro do 2009 celebraremos novamente as xuntanzas no bar Matthews, ás 18:30 horas. Nesta ocasión contaremos coa asistencia da xurista M. Luz Canal, membro da plataforma Galego. Patrimonio da Humanidade, que se ten mostrado moi crítica pola escasa presenza do galego na xustiza. É a primeira vez que se achega á iniciativa alguén do mundo das leis, polo que a nova nos causa grande expectación.

A data deste encontro é tamén moi especial pois o próximo día 21 se cumprirán 19 anos da aprobación en referendo do segundo Estatuto de Autonomía de Galicia. Case vinte anos despois, o Estado aínda non transferiu todas as competencias previstas. Sen dúbida haberá moito debate para esta nova convidada e para todos vós.

Benvida, benvidos!

Centro de Saúde: lingua sobre lingua


O pasado 13 de Decembro, varios habituais das Conversas galegas acudimos ao local da asociación Manicómicos, na Coruña, para participarmos nunha experiencia de teatro-fórum, unha variante na que o espectador pode intervir para mudar o final da obra. A peza que fomos ver titúlase "Centro de Saúde" e representa o conflito lingüístico na Galiza inspirándose nun feito real de discriminación que aconteceu no Servizo Galego de Saúde. Este método coñécese como teatro do oprimido, e debe o seu nome ao brasileiro Augusto Boal, finado en Maio deste ano.


O máis destacado deste xeito de facer teatro é que actores e público entran en contacto dende o primeiro momento: todos xuntos rachan a liña invisible que separa os asentos da zona de actuación e participan nuns xogos de animación. Cando a xente xa está preparada e desinibida, comeza a actuación. E despois aínda se rachan máis límites, pois se pregunta ao público a opinión sobre o acontecido e entón comeza un intenso debate entre actores e espectadores. Cando alguén do público pensa que ten unha solución ao problema exposto, entón vólvese representar fielmente o final da actuación e ese alguén pode participar modificando o papel da personaxe oprimida.


Neste particular "Centro de Saúde" escenificouse o conflito sucedido entre unha castelanfalante e unha galegofalante, demostrando ata que punto se poden tensar as cousas cando non hai vontade de comprenderse. Unha doutora galega séntese incómoda cunha doente que fala galego e, violentada por elo, insístelle en que se comunique en castelán. A doente primeiro discute con ela, mais comprende que necesita atención médica e finalmente desiste, baixa a testa e obedece.

Esta situación discriminatoria, acontecida nunha vila galega, non deixa de ser real e ao mesmo tempo incrible, e rapido apareceron as reaccións. O público participou moi activamente e escoitáronse moitos argumentos e reflexións. Tamén se debateu sobre outros momentos da obra protagonizados por personaxes diglósicas.

Ao finalizar o acto, os actores aplaudiron ao público. Foi un pracer descubrir esta orixinal fórmula teatral, realmente estimulante! A ela asistiu, entre os actores, a nosa amiga Carmen. Esperamos que a volvan repetir.

15 de dezembro de 2009

Tres horas con Manuel Lourenzo


Se na vida non houbese que comer, durmir e traballar aínda hoxe estaríamos a falar con Manuel Lourenzo. É dificil achar unha persoa coa que tratar tal diversidade de temas en profundidade. Teatro, poesía, historia, ou ben anécdotas cargadas dunha intelixente retranca. Por esta causa merece, co permiso doutros ilustres homes da provincia mindoniense, o calificativo de crack en xeral.

Este último sábado, 12/12/2009, o Matthews transformouse en escenario dunha tertulia de alto nivel. Foi de sete a dez (e non de catro a catro!) cando o amigo Manuel tornou en protagonista das Conversas galegas.

Grazas á súa intervención descubirmos moitos detalles da súa vida e da historia recente da nosa terra. Comezou lembrando os seus inicios na Coruña e o choque cultural (e lingüístico!) que supuxo aquel cambio para un rapaz da Ferreira do Valadouro. "Os pronomes desordeados, a gheada!" Naquel momento entrou en contacto con boa parte dos republicanos que aínda vivían nesta vila nos anos 50. Comezou facendo teatro nun tempo no que a censura prohibía falar galego. E ollo ao truco: podían ler os textos na nosa lingua, mais para introducilos ou explicarllos ao público só era permitido falar o castelán. O seu compromiso cultural e político levouno varias veces preso, dificultando o seu traballo, mais botou para adiante, abofé!


(editorialgalaxia.es)


"Don Ramón, Hamlet e Cunqueiro son os meus amigos".

Ademais de impulsor do teatro galego, leva nas súas costas unha longa experiencia no cine e na televisión. Sentados na mesa do Matthews non só coñecemos as súas impresións sobre eses dous mundos, ademais deunos novas dos seus últimos traballos. Mais houbo tamén tempo para a conversa informal, as anécdotas infantís do Valadouro, as historias de campismo e mesmo unha lectura improvisada de Cunqueiro, do que destacou a súa musicalidade perfecta. E ten razón, calquera fragmento dos seus textos ten a coerencia das notas dunha partitura.

Ben entrada a noite aínda estivemos un bo cacho a falar fóra do bar. E finalmente despedímonos. Durante tres horas compartimos impresións cun home que nunca deixa de satisfacer a súa curiosidade. Un rapaz que segue sendo dinámico, crítico e emprendedor.

Graciñas Manuel! Esperamos que gozases da experiencia tanto como gozamos nós.



Recomendamos a entrevista a M. Lourenzo en nosquedaportugal.blogspot.com

12 de dezembro de 2009

Manuel Lourenzo preséntase

Estará no Matthews esta tarde, a partir das 18:30 horas.


Manuel Lourenzo fala dos seus proxectos recentes.


Neste vídeo explícanos como comezou a escribir.

11 de dezembro de 2009

Manuel Lourenzo participará nas Conversas galegas


Manuel Lourenzo (vía culturagalega.org)

Onte tivemos confirmación de que Manuel Lourenzo visitará as Conversas galegas o próximo sábado 12 de Decembro. Nunha visita que fixemos a Casahamlet (o estudio teatral do que é co-director), na rúa coruñesa de Afonso VII, recibiu cos brazos abertos a nosa proposta e engadiu que podemos contar con el na convocatoria de mañá. Os poucos minutos do encontro deron para comprobar que é un bo conversador, e estamos seguros de que tamén o demostrará no Matthews.

Lourenzo, destacado membro do teatro galego, leva máis de corenta anos desenvolvendo unha obra en constante crecemento. É autor de innúmeras creacións dramáticas, actuacións teatrais e cinematográficas, traballos de dobraxe, ensaios... Podes coñecer o seu currículum nesta ficha persoal que recolle a súa longa traxectoria.

Na esquerda, nunha das súas actuacións televisivas máis coñecidas polos galegos: Melghacho de Mareas Vivas (vía nosquedaportugal.blogspot.com)

E se queres falar con el, tes a oportunidade de facelo este sábado ás 18:30 horas. O local do encontro é o Matthews Irish Bar (A Coruña). Estás convidado!

5 de dezembro de 2009

No 5 do Nadal


Hoxe volveu ser noite de Matthews! E aínda que xa comezou a irresistible ponte de Decembro, media ducia de amigos das Conversas galegas estiveron alí. Tamén tivemos a visita dunha boa castelanfalante, que levou moi ben a experiencia de falar galego. ;-) Como adoita pasar nestes casos, non existen imaxes do acontecimento, mais fica aquí a promesa de facelo en próximos sábados.

5 de Decembro ten significados variados para os galegos. En 1963, a nosa lingua foi admitida na liturxia católica grazas ao Concilio Vaticano II; dende entón, aínda que timidamente, sacerdotes exemplares de parroquias das catro provincias guíanse polas sagradas escrituras traducidas ao galego. Cinco é tamén unha data tráxica da nosa historia naval, pois en 1987 o Cason, un cargueiro de bandeira panameña, sofreu un accidente nas costas de Fisterra que liberou toneladas de produtos tóxicos, nun suceso que levou a evacuar de xeito confuso e desorganizado boa parte da poboación da Costa da Morte e causou unha dura crise política.

Tan importante o é nos EUA, onde en 1933 finalizou a Lei Seca implantada nos anos 20. Esta clase de medidas foron moi comúns en países europeus e americanos na primeira metade do século XX (aínda que en Islandia o consumo de cervexa foi prohibido ata 1989). Como non tiñamos outro xeito de celebralo, nós fixémolo cunha boa pinta de Guinness:



O día seguinte, 6 de Decembro, tamén representa feitos importantes da historia, aínda que non tanto da Galiza como doutros lugares. En 1922 publícase o Ulysses de James Joyce, antecesor irlandés d'A Esmorga de Eduardo Blanco Amor. En 1932 o Parlamento de Cataluña presidido por Lluis Companys foi constituído. E décadas despois, en 1978, a Constitución española actual foi aprobada polo 87% dos votos en referendo. Noutras latitudes, 1917 foi o ano da independencia de Finlandia do imperio ruso.

Mais o día que marcou a historia galega recente é o 4 do Nadal. En 1979 as forzas sociais, co apoio de varios partidos políticos rexeitaron o texto do Estatuto de Autonomía redactado pola UCD, que se chamou despectivamente "Estatuto da Aldraxe". Miles de persoas saíron das súas casas en multitudinarias manifestacións que tomaron as rúas das principais vilas galegas, a primeira foi en Vigo o 4 de Decembro. Grazas ao rexeitamento unánime comezou un proceso que culminaría en 1980 coa aprobación do segundo Estatuto de Autonomía de Galicia.

Temas houbo dabondo, e faise difícil lembralos todos. Mais quédanos o bo sabor destas conversas nas que xa confirmamos que a iniciativa se consolida. A todos vós, e aos que nos seguides pola Internet, moitas grazas.

4 de dezembro de 2009

Matthews, AchegArte e un novo convidado especial


O pasado 28 de Novembro celebráronse as vixésimo terceiras Conversas galegas. Con puntualidade unha vez máis, os participantes reuníronse ao redor dunha mesa para debater sobre os temas do país. Nesta ocasión xuntáronse oito conversadores, entre eles vellos coñecidos e novas incorporacións!

O tempo, moi chuvioso, facía propicia unha reunión ao quente, e seica tamén activou a retranca de Finbar Matthews, que apareceu en escena facendo gala do seu humor irlandés: "Chove moito. Fóra, está pechado!!", nun instante que produciu as gargalladas de todos os concorrentes, entre os que estaban por primeira vez unha persoa do Peú e outra do Uruguai.

E entre conversa e conversa apareceu un novo convidado especial. Recibimos a visita de Fran Rei, o coordenador de Zonas da Mesa pola Normalización Lingüística. Foi todo un pracer contar con el nesta iniciativa e por suposto levámolo ao seu campo: a sociolingüística. Produciuse un debate sobre o uso do galego entre os xoves que se viu alimentado (e animouse moito) cando un participante preguntou polo reintegracionismo.


Fran Rei (centro) nun acto da Mesa pola Normalización Lingüística.

Contra as 20:45 rematou a nosa estancia no Matthews e mudamos a localización polo Palexco para visitar a feira da industria cultural galega: AchegArte. Xa é a segunda vez que as conversas se desprazan a outro espazo. Esperamos facer novas saídas temáticas!

Novamente, moitas grazas a todos os asistentes ás conversas pola vosa participación!

28 de novembro de 2009

Un, dous, tres... vinte e tres!


Neste XXIII sábado de conversas, a convocatoria xa está aberta. Novamente, recomendamos asistir a unha experiencia na que practicar lingua galega é o fundamental. Ao xeito dunha reunión informal, beber algo é tan só un pretexto para falar galego na Coruña e discutir calquera tema con galegofalantes de toda a vida, neofalantes, castelanfalantes...

As Conversas comezarán ás 18:30 no bar Matthews (Galera s/n) e con motivo da celebración do AchegArte! (herdeiro coruñés do Cultur.gal), desprazarémonos ata o Palexco e o Kiosko Alfonso para dar un paseo en boa compaña polos espazos abertos da cidade e coñecer esta interesante mostra da cultura galega!

20 de novembro de 2009

Vivendas sustentables, xa son a alternativa


Recentemente, a televisión europea de noticias Euronews informou sobre a vila dinamarquesa de Hortshøj. Nesta pequena localidade, unha centena de vivendas producen a súa propia enerxía e están deseñadas con criterio ecolóxico para tomar o máximo proveito enerxético co menor custo ambiental. A canle multilingüe achegouse a esta iniciativa. (Preme aquí para mirares o vídeo).

Na liña dos temas aparecidos nas Conversas, este tema dá para pensar! O uso doméstico de renovables xa é unha realidade, e existen proxectos empresariais que apostan con firmeza pola sustentabilidade das casas galegas.

15 de novembro de 2009

Benvidos ao tempo dos magostos (2)

Eladio Rodríguez González (1864-1949).


"Constitúen un dos costumes típicos de Galicia, e son unha especie de merenda de castañas con viño novo acompañada de pantrigo, queixo, e outras viandas axeitadas ás posibilidades económicas dos que interveñen na cuchipanda. A tempada dos magostos abrangue a segunda quincena de outubro deica a primeira de novembro, pero principalmente son tradicionais o día de Todos os Santos, e na provincia de Ourense o 11 de novembro. O feito de se faceren magostos a véspera do día de defuntos deu base a algún dos nosos escritores para afirmar que esa comida especial é de orixe funeraria como o seu froito, pois o castiñeiro, do mesmo xeito que a oliveira, posúe ese carácter, feito polo que Murguía di que as castañas e o viño novo, base do magosto, son símbolos que patentizan a morte e a vida."

No noso percorrido polas referencias bibliográficas ao Magosto, achamos este texto do lexicógrafo e académico da RAG Eladio Rodríguez pertencente a unha das entradas do Diccionario enciclopédico gallego-castellano (traducido ao galego).

14 de novembro de 2009

Benvidos ao tempo dos magostos


Segundo Manuel Mandianes Castro, autor de Loureses: antropoloxía dunha parroquia galega (1984), despois de que a serpe se oculte comeza o tempo destinado ao porco e as sementeiras. Neste primeiro ciclo do ano, o que vai de Setembro ata a fin de Abril, as dúas grandes festas do calendario son o Magosto e o Entroido, tradicións fortemente pagás.

O magosto é unha festa de exaltación do viño novo e das castañas, relacionado cos traballos agrarios e coerente coa natureza. Coincide coa data de evocación dos mortos que se corresponde coas festividades cristiás de todos os Santos e Defuntos ou coa antiga tradición pagá do Samhaín, da que deriva unha celebración actualmente vixente nos países anglosaxóns: o Halloween.

Aínda que orixinariamente o magosto se celebraba na véspera do 1 de novembro ou no día 11 (San Martiño), na actualidade a temporada dos magostos adoita abarcar a primeira metade do mes... ou máis!

Deste xeito describe Mandianes a festa do magosto, que hoxe celebramos nas aldeas, vilas e cidades galegas:

"Cada ano os mozos e mozas xuntabámonos o día de San Martiño para ir
face-lo Magosto. Os mozos mercaban viño e as mozas buscaban castañas. Non era
como agora; os mozos non tiñan cartos para merca-lo viño e por iso cumpría que
pensasen en mercalo con moito tempo. Precisábase moito viño, porque a xente non
o bebía a miúdo e, cando se presentaba a ocasión aproveitábase".

"O día do San Martiño, despois do xantar, saíase ó campo, máis ou menos lonxe
de Loureses; a xente ía á natureza. Se chovía, facíase nunha casa, pero en
principio o magosto facíase na natureza". Vese perfectamente que o magosto se
celebra nun espacio non habitado. Logo de estar no campo "os mozos buscaban leña
para plantar un bo lume. Acendíase o lume e as mozas encargábanse das castañas
para asar. (...) Cando xa as castañas están asadas, as mozas chaman polos mozos.
Todos comen castañas e beben viño a barullo. Ó remataren, matan o lume; está
prohibido mexar enriba, anque hai algúns que o fan. Cos tizóns, "todo o mundo
pinta de negro a cara, como no día do entroido. Volven á aldea disfrazados e
metendo moito barullo. Cando chegan, a xente sae á porta das casas para mira-la
mocidade que volve do magosto. Agora xa se acabou o magosto e só algúns nenos se
xuntan para facelo, pero xa non ten nada que ver co magosto de antes".

(...) Na provincia de Ourense o magosto celébrase o 11 de novembro, día do
San Martiño, patrón da diócese; no resto de Galicia celébrase o primeiro de
novembro.
No tempo dos magostos, Conversas no Matthews!

6 de novembro de 2009

O espazo xeográfico das linguas


Preme na imaxe para ver a evolución cronolóxica.

Este mapa accesible na Wikipedia representa a evolución das linguas suroccidentais da Europa dende o ano 1000 ata a actualidade. Unhas en expansión e outras en retroceso. Ao final do percorrido obsérvase ben que as fronteiras culturais e lingüísticas non coinciden coas políticas.

Neste punto o galego non é excepción. A nosa lingua ten documentada unha presenza histórica de falantes fóra dos límites administrativos galegos actuais... e do mesmo xeito, existe unha realide innegable: o castelán penetra en territorio galego con grande influencia e poder substitutivo (habendo xa galegos que o consideran lingua propia).

Se miramos máis ao sur, a lingua galega evoluciona baixo unha dinámica ben diferente. Non sometida á unha disputa de usos sociais con outra lingua, é a oficial dun Estado do que recibe un novo nome: portugués.

22 de outubro de 2009

Debate sobre a lingua, este sábado no Matthews


Non somos alleos ás xustas reivindicacións que o colectivo normalizador levou a Compostela o pasado 18 de Outubro, por iso queremos que o sábado 24 este sexa o tema-conversa central, entre moitos outros. Convidamos a todos os cidadáns preocupados pola nosa lingua a participar nesta xuntanza, entre as 18:30 e as 21:00 horas.

As manifestacións de Queremos Galego e Galego Sempre Mais esta semana nas Conversas Galegas. Este é o evento na rede social Facebook: http://www.facebook.com/conversasgalegas?ref=profile#/event.php?eid=159028947217&index=1

17 de outubro de 2009

Foto-reportaxe da excursión por Dexo


O 10 de Outubro do 2009, pasadas as 11:30 da mañá, sete expedicionarios partimos da Castañeira, en Lorbé. Tiñamos por diante seis horas de sendas costeiras, orballo, néboa e cantís espectaculares, con vistas ao Atlántico e á illa Marola.






Guiados polo Julio, pasamos xunto á fonte de Vigo e continuamos en dirección a Dexo. Un pouco antes de chegar, tomamos un desvío e comezamos a ver a costa.




Neste sitio, cando o día é soleado, a vista alcanza a costa de Ferrol, a ría de Ares e, con certa intuición, as illas Sisargas. Aquela mañá a brétema deslizábase sobre os cantís e rapidamente foi cubrindo os piñeirais. O mar estivo case oculto durante varios minutos, unha experiencia que produce risco e atracción.






Na pausa do xantar, depois dun intento fallido de entrar no muíño de Dexo, decidimos ir comer xunto á casa do pobo. A cincuenta metros encóntrase a igrexa parroquial, mandada construír polo arcebispo Xelmírez nos inicios do século XII. É unha das varias mostras de románico rural que se encontran na terra das Mariñas. O sitio, protexido polo cemiterio, inspira moita tranquilidade.

"Conversas no adro da igrexa, todos os domingos despois da misa":


:D

Máis adiante pasamos polo Río da Pedra, onde un lavadoiro do século XX recolle as augas que baixan do muíño. En poucos pasos chégase ao porto de Dexo. Cumpre indicar que o verdadeiro Porto é este. O que hai na enseada de Lorbé (nesta mesma parroquia) foi sempre coñecido como Portelo, algo irónico cando hoxe Lorbé é a base da maior flota pesqueira do concello e un importantísimo centro de explotación do mexillón. O porto de Dexo tiña un complicado sistema de varado, con dous grupos de guindastres que elevaban as embarcacións ata unhas rochas e, dende alí, ata o alto do cantil.








Tras pasar á esquerda da punta Rasa, aparecéusenos unha parte espectacular da costa na súa plenitude. Esta zona está chea de furnas e bufadoiros polos que bufa o vapor da auga. Fixemos paraxe nun sitio chamado precisamente punta Bufadoiro.










Como calquera iniciativa seria, tamén temos foto oficial.


Pouco despois, unhas palabras de reflexión e continuamos cara ao oeste xa en territorio de Serantes, parroquia á que pertence a tradicional vila mariñeira de Mera.






Dende a punta do Seixo Branco contémplase unha silueta da cidade moi semellante á que nos mostrou Cornide hai máis de douscentos anos. Mais o principal atractivo deste sitio é a impactante escaleira de pedra branca, con algunhas incrustacións de cuarzo, que recibe o nome de Seixo Branco. É visible dende a outra beira da ría.






E por último, contra as seis da tarde, chegamos á casa do fareiro de Mera, transformada nun interesante museu sobre a vida mariña e os sistemas de guía da baía da Coruña: a Aula do Mar. As vistas dende a terraza fan que esta sexa unha parada imprescindible. Franki, veciño de Dexo, encárgase de que todo marche ben nesta casa e exerceu de anfitrión durante a nosa visita.




A Costa de Dexo-Serantes é unha das mellores portas de entrada que ten a nosa comarca. Non só ten atractivos xeográficos ou etnográficos, no centro do Arco Ártabro é un excelente punto de observación de flora e fauna litoral.

Para nós esta excursión ten dimensión metropolitana, todo coruñés debería coñecer a contorna da súa cidade para así comprendela mellor. Por iso, dende as Conversas Galegas queremos anunciar que no futuro haberá novas excursións pedestres e temáticas!


Unha aperta e ata o próximo sábado... no local habitual!