30 de abril de 2009

Voltamos o 9 de Maio



As Conversas continuarán o próximo sábado 9 de Maio. Esta semana respectamos as mini-vacacións, desexando que desfrutedes todos da ponte. Boa fin de semana!

26 de abril de 2009

Segundas Conversas Galegas (25/04/2009)


Dez dos participantes na segunda sesión das Conversas Galegas.

A fala espontánea e a sintonía entre os participantes continúan a ser os ingredientes clave das Conversas no Matthews! O 25 de Abril do 2009 a asistencia total foi de 12 persoas que trataron temas moi diversos ao redor dunha mesa deste bar.

Nesta segunda tarde de Sábado, as Conversas puxeron en contacto dúas xeracións grazas á participación dunha convidada moi especial, María Xosé Taboada (familiarmente Pepe), profesora de Lingua e Literatura Galega do instituto María Casares de Oleiros. As súas impresións sobre o uso da lingua dende os tempos nos que ela estudaba ata a actualidade foron un aporte moi interesante para todos. Non podemos esquecer o bo trato que recibimos dela, pois inmediatamente quixo ser unha máis entre nós. Grazas Pepe!

23 de abril de 2009

Este sábado 25 de Abril voltan as Conversas!



Despois da boa acollida do primeiro día, as Conversas continúan neste Sábado 25 de Abril. Voltamos para seguir exercitando o noso galego. E seguiremos tratando temas de interese común para a súa discusión. No mesmo local e á mesma hora (dende as 6 da tarde). Pasádevos!

19 de abril de 2009

Xornal de Galicia acudiu ás primeiras Conversas Galegas

Preme na imaxe para ampliala.

O Sábado 18 de Abril do 2009 celebráronse as primeiras Conversas no Matthews e o Xornal de Galcia estivo alí para divulgar a noticia. Queremos agradecer a reportaxe escrita polo execelente xornalista Miguel Pardo Pereira baixo o título de "Normalizando entre música e unhas cervexas" así como o traballo da fotógrafa pois souberon captar con bos ollos o espírito da iniciativa. O artigo pode visitarse na edición dixital premendo nesta ligazón.

18 de abril de 2009

Hoxe, Sábado 18 de Abril, comezan as Conversas Galegas no Matthews!



Hoxe, Sábado 18 de abril do 2009, terá comezo a iniciativa Conversas Galegas na Coruña. A partir das 6 da tarde estaremos na cervexaría Matthews para pasar un tempo naturalmente galego. Tanto se es galegofalante habitual como se non, ofrecémosche unha nova oportunidade para utilizar unha lingua que é moi útil dentro e fóra da nosa terra. Se queredes practicar o galego sen restriccións, sen presións e con optimismo, este é o voso lugar.

Lembrade que a participación é libre, podedes aparecer en calquera momento a partir desa hora. Só tedes que preguntar polas Conversas Galegas e ter ganas de falar. Porque o galego nos gusta, porque nos apetece, porque nos une, porque é a nosa lingua. Agardamos por todos vós nesta primeira convocatoria. E esperamos que sexan moitas. Saúde!

6 de abril de 2009

A rede interésase pola iniciativa Conversas Galegas


Preme na imaxe para ver a noticia no PGL.

Preme na imaxe para ver a noticia en Chuza.org.

A iniciativa Conversas no Matthews ten na internet unha das súas canles principais de difusión. Foi por iso que os impulsores deste proxecto decidimos aproveitar as vantaxes que nos ofrecía este medio de comunicación global e fixemos o blog, e tamén abrimos unha conta na rede social Facebook, coa intención de dar a coñecer as Conversas Galegas. A cousa funcionou!

Hoxe coñecemos a noticia que sacou o Portal Galego da Língua (portal da reintegracionista Associaçom Galega da Língua, AGAL) no que se fai referencia a esta iniciativa cidadá. Non tardou moito en aparecer a nova no xestor de noticias Chuza!, onde tivo moi boa acollida (52 "chuzadas") por parte dos usuarios que tamén se encargaron de comentala.

A mellor sorpresa de todas foi a repercusión de que tamén goza na rede social virtual máis extensa do planeta. As conversas aínda non comezaron mais o noso grupo do Facebook xa ten 25 amigos/as, e medra cada día.

Dende aquí queremos agradecer ao PGL o espazo que cedeu en publicitar a nosa iniciativa e a todos os amigos/as e interesados/as que acolleron con aceptación esta proposta, os cales quedan convidados á primeira sesión o Sábado 18 de Abril a partires das 6 da tarde.

5 de abril de 2009

Descubre as Conversas Galegas, proximamente na túa cidade


Dous anuncios das Conversas Galegas no Matthews. O obxectivo fundamental é naturalizar o galego na cidade. (Ver principios fundacionais).

Todos os sábados, dende as 6 da tarde, haberá un espazo aberto en lingua galega na Coruña. O 18 de Abril do 2009, será o día de inicio. Só tedes que preguntar pola iniciativa para participardes nela. Haberá que cumprir un único requisito: estar disposto a pasar ese tempo falando en galego. Calquera que pase polo Matthews as tardes dos sábados poderá entrar en contacto con máis galegofalantes.

É necesario ser falante exclusivo de galego? Non, por suposto. É unha actividade cívica así que fica aberta a todos, tanto neofalantes, como falantes de sempre, persoas que queren aprender galego, que saben falalo pero non o fan con frecuencia, estudantes erasmus... En resumo: para todos os que queren pasar unha boa tarde de sábado bebendo algo e coñecendo xente nova 100% en galego!

E de que imos falar? A temática é libre, as conversas poderían tratar sobre a lingua, pero o mellor é que se poda falar de todo: da cultura, do deporte, das últimas novas... E mesmo se poden facer máis cousas que implican falar, como unha partida ás cartas ou calquera outro xogo. Pode depender dos gustos, das idades... Todo isto é liberdade dos participantes.

Tedes ao voso dispor un enderezo electrónico e un grupo do Facebook, por se queredes apoiar a iniciativa por Internet. O enderezo é conversasgalegas@gmail.com.