27 de maio de 2009

Sábado noite



Xa coñecíamos a boa sintonía das Conversas Galegas nas tardes-noites dos sábados, mais nunca pensáramos en cal podía ser a nosa canción. Despois de presentar Tarde em Itapoã de Vinícius e Toquinho, e "Porque hoxe é sábado", continuamos na procura dunha sintonía. Pensamos que tiña que ser un tema con altas doses de galeguidade... Entón descubrimos un hit do rock galego dos anos 90. Con todos vós, dende Ribeira, os Heredeiros da Crus: Sábado noite.

23 de maio de 2009

Porque hoxe é sábado



Como dicía o "poeta e ex-diplomata" Vinícius de Moraes, a vida é a arte do encontro [embora haja tanto desencontro pela vida]. Porque hoxe é sábado, e celebramos o encontro do espírito galego nas Conversas, queríamos traer aquí o célebre tema "Dia da criação", escrito nesa lingua que floreceu na outra beira o océano. Por falta de permisos, non podemos pegar aquí o vídeo. Porén, reproducimos e excelente canción Tarde em Itapuã: E con ollar esquecido no encontro de ceo e mar, ben devagar ir sentindo a terra toda a rodar.

Falando a nosa lingua comprendémonos e facemos rodar o mundo. Continuando a usar a lingua que nos deron os nosos pais, de certo estamos no mundo. Pasade todos unha boa tarde de sábado!

Agora si, Dia da criação (do concerto de Vinícius de Moraes, Maria Bethânia e Toquinho, Mar del Plata, 1971). Porque hoxe é SÁBADO!

17 de maio de 2009

Feliz Día das Letras Galegas a todos!



Dende a iniciativa Conversas Galegas, queremos desexar a todos os visitantes deste blog un bo Día das Letras Galegas e festexar o impresionante respaldo dado por milleiros de galegos á nosa lingua esta tarde en Compostela. Parabéns!

As Conversas no Matthews continuarán todas as tardes dos sábados no horario indicado neste blog. Alí estaremos para seguir mantendo un espazo aberto a todos en lingua galega!

Para contactar connosco, xunto con esta páxina hai ao voso dispor un enderezo de correo electrónico e un número de teléfono.

Moitas grazas polos numerosos apoios recibidos ata agora e pola sorprendente participación!

12 de maio de 2009

Terceiras Conversas Galegas (09/05/2009)



Case un mes despois do comezo desta iniciativa, os resultados das Conversas son moi satisfactorias. As tardes en galego teñen boa resposta na nosa cidade e xa hai incondicionais desta cita semanal.

Catro novas caras estiveron presentes na última edición das Conversas, tres delas chegadas a través do Facebook. Pasamos a tarde na compaña de habituais e, como cada sábado, tamén de novos participantes, desta vez procedentes da Coruña, Oleiros, Barcelona e O Saviñao. Benvidos!

6 de maio de 2009

Terceira convocatoria das Conversas no Matthews



O sábado 9 de Maio continuaremos a exercitar a nosa lingua entre as 6 e as 9 da tarde no lugar habitual: o Matthews Irish Bar. Xa sabedes, podedes asistir a este acontecemento cando queirades a partir das 18:00, como os días anteriores. Todos os que teñades conta na rede social Facebook tamén podedes confirmar a vosa asistencia no noso grupo. Vémonos o sábado!