21 de maio de 2010

Campamento de inmersión lingüística


Os Biocos, antigas minas romanas no concello de San Xoán de Río.

Con frecuencia os que pensamos sobre o futuro do galego preguntámonos pola educación dos máis pequenos. Recentemente chegou ao noso correo un email de Ánxela González (Altega S. L.) anunciándonos que están a organizar un campamento infantil de inmersión na lingua galega no albergue dos Biocos (Terra de Trives). Puxo ao noso dispor un número de teléfono (988 391 389) para calquera pregunta ou suxestión. Tamén sinalou que se houber algunha ANPA, asociación ou outro grupo interesados están dispostos a se achegar para ter unha charla informativa sen ningún tipo de compromiso.

Reproducimos a información enviada:

O campamento de inmersión na lingua e na cultura galega é unha iniciativa de Altega, S.L. para que os nenos e as nenas activen as súas competencias lingüísticas en lingua galega de xeito pleno. Os nosos campamentos están respaldados por unha metodoloxía que garante a educación en valores, fundamental para potenciar a curiosidade, razoamento e capacidade crítica das/dos participantes dende unha perspectiva lúdico-educativa.

O campamento realizaríase no albergue d'Os Biocos no Concello de San Xoán de Río, entre os Concellos de Castro Caldelas e A Pobra de Trives. O transporte dende a vosa comarca correría pola nosa conta.

Respeto ás quendas e á duración dos campamentos, poderiades escoller entre as seguintes opcións:

1ª Quincena de Xullo
- Dende venres 2/Xullo - ata venres 9/Xullo: estancia de 8 dias (7 noites)
- Dende venres 2/Xullo - ata martes 13/Xullo: estancia de 12 dias (11 noites)
- Dende venres 2/Xullo - ata venres 16/Xullo: estancia de 15 dias (14 noites)

2ª Quincena de Xullo
- Dende domingo 18/Xullo - ata domingo 25/Xullo: estancia de 8 dias (7 noites)
- Dende domingo 18/Xullo - ata xoves 29/Xullo: estancia de 12 dias (11 noites)

* Consultar dispoñibilidade no mes de Agosto.

A programación e organización de actividades lúdicas, didácticas e de ocio xirarán entorno ás propias do SpaceCamp (relacionadas coa astronomia, coa ciencia e a tecnoloxía). De preferirdes unha temática para o campamento traballaríase esta coma eixo central do mesmo (por exemplo, "campamento histórico sobre a cultura castrexa"). Obviamente, o persoal sería todo galego-falante creando un espazo lúdico onde os nenos e as nenas vexan recoñecido o galego coma unha ferramenta útil no uso diario e no ámbito científico.



Mapa do concello de San Xoán de Río (fonte: www.concellosanxoanderio.com).

Sem comentários:

Enviar um comentário