8 de março de 2010

BenvidAs á Masa Crítica da Coruña


No blog das Conversas Galegas tamén nos gusta coñecer as outras iniciativas que se realizan na nosa cidade:

Todos os primeiros venres de cada mes, un grupo de máis de trinta ciclistas xúntase na Praza de María Pita para facer un percorrido reivindicativo. Chámanse "A Masa Crítica", e forman parte dun movemento cívico internacional que comezou en San Francisco en 1992 . O seu lema é "Usa a bici todos os días, celébrao unha vez ao mes". Os membros deste grupo, que reclaman máis espazos para as bicicletas, traballan cada día por visibilizar este medio de transporte económico, limpo e saudable.

O traballo constante destes ciclistas críticos merece unha homenaxe, por iso queremos falar deles a través dunha parte do seu traballo. Con motivo do Día da Muller Traballadora, que celebramos hoxe, a Masa Crítica da Coruña editou este pasquín:


A BICICLETA, SÍMBOLO DA EMANCIPACIÓN DA MULLER

Introdución
Falar da bicicleta é falar da historia da humanidade posto que é parte inseparable dela, como o invento da electricidade ou do televisor. Pasou tanto tempo que nos esquecemos da enorme contribución que tivo na emancipación da muller a fins do século XIX.
Desde a aparición da primeira bicicleta coas rodas de igual tamaño e transmisión por cadea en 1885, o seu campo de aplicación aumentou extraordinariamente (por exemplo, a policía, correos e ata o exército beneficiáronse do seu uso). Pero, sen dúbida, a bicicleta era un vehículo para uso persoal e no mundo da muller daquel entón alzouse como símbolo de emancipación.

A muller a fins do S .XIX
A II Revolución Industrial favoreceu o acceso da muller ao traballo e á educación; ao mundo máis aló da súa casa o que lle permitiu descubrir as posibilidades doutra vida. Nem bargante iso só sucedeu nos países máis industrializados, como EEUU, Gran Bretaña, Europa do Norte , Alemaña e en certa medida Francia.
A pesar da incorporación da muller ao mundo laboral, en xeral, o que se esperaba dela era bastante parecido en todas as nacións de Europa occidental e EEUU. Considerábana un obxecto inculto, sen dereitos, que pasaba da posesión paterna á do marido ou fillos homes, que tiñan todo o poder sobre elas, ata non deixalas nin opinar nin escoller o seu propio camiño.
Ata as súas roupaxes victorianas ían encamiñadas a inmobilizalas aínda máis: corpiños, longas e pesadas saias, chapeus e tacóns altos coaccionaban a súa liberdade de movemento e parecían simbolizar o constreñimento das súas vidas.

Contribución da bicicleta á emancipación da muller
O boom da bicicleta en EEUU, Inglaterra e Francia na década de 1890 tivo as súas consecuencias máis profundas no mundo feminino. Aínda que en Estados Unidos en 1895 as mulleres representaban un terzo da poboación ciclista, a súa popularidade viuse aumentada grazas á súa promoción, por parte das primeiras feministas, como medio para mellorar a condición feminina. A bicicleta melloraba a forma física, liberaba ás mulleres do xugo do corpiño e do marido, aumentaba a súa dignidade e levaba á igualdade de sexos. Esa mensaxe calou fondo entre as mulleres e desde todas as clases sociais comezaron a montar en bicicle ta. Estaba nacendo "A Nova Muller".
Susan B. Anthony, unha das primeiras sufraxistas chegou a dicir: "a bicicleta fixo máis pola emancipación da muller que calquera outra cousa".

Por suposto non faltaron voces críticas tanto ao lado feminino como masculino; instábase á non práctica dese exercicio ciclista "depravado e inmoral", xa que promovía "unha vestimenta indecorosa e facilitaba o contacto co outro sexo" o que levaba ás mozas á ruína e á desgraza. Moitos médicos aludían razóns hixiénicas para desaconsellala, e ata se chegou a dicir que "a fricción entre a muller e a sela causáballe un pracer sexual ilícito".

Efixie de Susan B. Anthony nun dólar

Bicis para mulleres e vestiario
A pesar da cruzada contra as mulleres ciclistas, aos fabricantes non lles pasou inadvertido o potencial mercado feminino, pero este tiña un serio problema co seu vestiario, totalmente contrario á práctica de calquera exercicio físico. Por iso lanzáronse modelos de "bicis só para mulleres". O modelo máis exitoso, que chegou ata os nosos días, foi o que baixou a barra horizontal do cadro, permitindo que a saia non fose xa un encordio para montar en bici.
As feministas foron un paso máis aló ao promocionar os bombachos, unha especie de pantalóns turcos frouxos que se anudaban por baixo do xeonllo, no corpo púñanse unha blusa, sen corpiño e na cabeza un sinxelo chapeu de palla. Unha vez máis as reaccións non se fixeron esperar, dicíase que ese terrible vestiario era un escándalo e "provocaba aos homes". Debido ás fortes críticas estes primeiros pantalóns femininos foron substituídos por saias-pantalón, que aínda así, ensinaban un pouco a pantorrilla.
Nembargante, as innovacións no vestir axudaron a liberar á muller dos ríxidos patróns da moda de fins do XIX e a abrir o camiño para unha nova era de independencia feminina.

Situación en España
En España, que vivía ancorada no conservadurismo e o atraso económico respecto dos seus veciños, os movementos feministas, do mesmo xeito que a moda pola bicicleta, chegaron tarde e ben entrado o S.XX. Aínda nos anos 40 non era frecuente ver mulleres en bicicleta; as que se atrevían a utilizala facíano con saias ou, como moito, con saias-pantalón, pero aínda eran moi pouco habituais as mulleres ciclistas.
Case ninguén se podía permitir ter unha bicicleta de recreo, polo que eran frecuentes os locais de aluguer. Con todo, os traballadores que vivían nos arredores das cidades e vilas utilizábanas como medio de transporte para acudir a traballar.

Conclusións
Durante a primeira metade do s. XX a bicicleta pasou por períodos de popularidade e desuso, aos que contribuíron as dúas guerras mundiais e a aparición dos vehículos de motor respectivamente. Con todo, a súa versatilidade e baixo custo fixo que se popularizase como medio de transporte entre as clases menos favorecidas contribuíndo a que tanto homes como mulleres a utilizasen nos seus desprazamentos.
Actualmente, do mesmo xeito que fai cen anos, a bicicleta é un dos vehículos que máis fomenta a independencia. Por iso, nos lugares onde a muller aínda non goza do mesmo estatus que o home, a bici pode colaborar a conseguir un desenvolvemento verdadeiramente igualitario entre ambos os sexos.

APOIÉMOLO ENTRE TODOS!! SACA A TÚA BICI Á RÚA , SEXAS HOME OU MULLER !! ÚNETE A NÓS TODOS OS PRIMEIROS VENRES DE MES - 20:00H EN MARÍA PITA
MASA CRÍTICA CORUÑA - www.bicis.info/foro - http://www.bicis.info/

2 comentários:

  1. Un pracer ler dúas reivindicacións tan presentes por desatendidas hoxe en día. Se cadra, eses "xeitos de dicir" que un cambio é necesario deberán correr da máis da man do que habitualmente acontece.

    Noraboa e moito ánimo.

    ResponderEliminar
  2. Fala galego todos os días e celébrao cada sábado! :P

    Moitas grazas anónimo.

    ResponderEliminar