20 de março de 2009

Conversas Galegas na Coruña



1. Data e hora de celebración: Sábados a partir das 18:00.

2. Lugar: Bar Matthews (Praza da Galera).

3. Data de inicio: Sábado 18 de Abril do 2009.

4. Concepto: Trátase de organizar un grupo semanal de conversa en lingua galega nun ambiente informal. O Matthews é un bar emblemático que conta cos atributos de localización, espazo e ambiente que desexamos: é céntrico, amplo, confortable e mantén un nivel de música baixo que convida a falar.

5. Participación: Calquera pode acudir á convocatoria. Simplemente ten que achegarse ao bar e preguntar polas Conversas Galegas!

6. Temática: O tema das conversas é libre, todos poden aportar o que queiran. É un espazo aberto para falar, debater, comentar... sobre a cultura, a cidade, o deporte, a vida diaria, ou calquera outro campo. O importante é poder pasar un tempo agradable 100% en galego!

7. Motivacións:
A idea de crear un espazo aberto en lingua galega ten unha explicación. A situación social da lingua galega na Coruña preocupa a moitos coruñeses e coruñesas, e a veciños que se achegan dende os concellos da área metropolitana. O galego perde falantes entre rapaces e adolescentes e a pesar dos esforzos no plano da normalización lingüística é aínda unha lingua ausente en numerosos ámbitos públicos así como no traballo, o que permite pensar que non existe unha situación de boa convivencia entre as linguas cooficiais na Galiza (o castelán e o galego). Existen numerosos galegofalantes que viven diariamente nun entorno de aparente bilingüismo harmónico, amabilidade lingüística e liberdade individual máis que dubidosos (moitas veces o castelán é a única lingua favorecida por ese código de amabilidade, e iso quere dicir: menos conversas en galego). Ante a situación de regresión social da lingua, da falta de implantación completa, da inexistencia dun bilingüismo real e do fracaso das campañas institucionais, os cidadáns vémonos obrigados a actuar.

8. Obxetivos: Favorecer o uso do galego, demostrar a súa utilidade social, rachar barreiras emocionais que impiden aínda moitas veces o seu uso público na Coruña e fomentar entre os falantes de galego que se incorporen, así como entre os neofalantes, optimismo e reafirmación.

9. Posta en marcha: Antes de pór en funcionamento a actividade, levaremos a cabo unha estratexia de información e publicidade. Para elo contaremos cun blog e con anuncios en lugares específicos. Crearemos anuncios en papel para colocar nas bibliotecas, facultades e outros espazos públicos, co texto “CONVERSAS GALEGAS NO MATTHEWS / (Praza da Galera) / Todos os sábados a partir das 18:00 h / conversasgalegas.blogspot.com".

10. Realización: O Sábado 18 de Abril do 2009, ás 18:00, os convocantes da iniciativa sentaremos nunha mesa da cervexaría Matthews da Coruña e ficarán abertas as conversas en galego para todos os coruñeses e as coruñesas que queiran vir.

4 comentários:

  1. Parabéns pola iniciativa, a ver que tal sae ;-)

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas, naturalmente estás convidado como galego-escrebente. ;-) Saúde!

    ResponderEliminar
  3. Espléndida idea! Pero será sempre no Matthews ou tedes pensado ir alternando de locais, porque persoalmente prefiro a Cova Céltica, que é máis enxebre e galega ;)

    ResponderEliminar
  4. Grazas, grazas. A escolla do Matthews levounos moito tempo porque tivemos que decidir entre máis locais do centro e non foi fácil. A Cova era un deles, outro era a Repichoca, outro o Dublin. Finalmente o que nos decantou polo Matthews foi que é o máis amplo dos que considerábamos óptimos e, aínda que pareza curioso, que é o máis neutral, no senso de que non é expresamente galego ou galeguista. Iso deunos ánimos para tentar propiciar novas redes de xente favorable ao galego nun entorno agradable sen máis, e se tamén hai contacto cos demáis locais, quererá dicir que a cousa se está a facer ben. As conversas serán alí, mais despois de rematar, quen sabe se iremos tomarlle algo a algún deses garitos d.p.m. e enxebres que temos na Coruña? Apertas!

    ResponderEliminar