22 de outubro de 2009

Debate sobre a lingua, este sábado no Matthews


Non somos alleos ás xustas reivindicacións que o colectivo normalizador levou a Compostela o pasado 18 de Outubro, por iso queremos que o sábado 24 este sexa o tema-conversa central, entre moitos outros. Convidamos a todos os cidadáns preocupados pola nosa lingua a participar nesta xuntanza, entre as 18:30 e as 21:00 horas.

As manifestacións de Queremos Galego e Galego Sempre Mais esta semana nas Conversas Galegas. Este é o evento na rede social Facebook: http://www.facebook.com/conversasgalegas?ref=profile#/event.php?eid=159028947217&index=1

17 de outubro de 2009

Foto-reportaxe da excursión por Dexo


O 10 de Outubro do 2009, pasadas as 11:30 da mañá, sete expedicionarios partimos da Castañeira, en Lorbé. Tiñamos por diante seis horas de sendas costeiras, orballo, néboa e cantís espectaculares, con vistas ao Atlántico e á illa Marola.






Guiados polo Julio, pasamos xunto á fonte de Vigo e continuamos en dirección a Dexo. Un pouco antes de chegar, tomamos un desvío e comezamos a ver a costa.




Neste sitio, cando o día é soleado, a vista alcanza a costa de Ferrol, a ría de Ares e, con certa intuición, as illas Sisargas. Aquela mañá a brétema deslizábase sobre os cantís e rapidamente foi cubrindo os piñeirais. O mar estivo case oculto durante varios minutos, unha experiencia que produce risco e atracción.






Na pausa do xantar, depois dun intento fallido de entrar no muíño de Dexo, decidimos ir comer xunto á casa do pobo. A cincuenta metros encóntrase a igrexa parroquial, mandada construír polo arcebispo Xelmírez nos inicios do século XII. É unha das varias mostras de románico rural que se encontran na terra das Mariñas. O sitio, protexido polo cemiterio, inspira moita tranquilidade.

"Conversas no adro da igrexa, todos os domingos despois da misa":


:D

Máis adiante pasamos polo Río da Pedra, onde un lavadoiro do século XX recolle as augas que baixan do muíño. En poucos pasos chégase ao porto de Dexo. Cumpre indicar que o verdadeiro Porto é este. O que hai na enseada de Lorbé (nesta mesma parroquia) foi sempre coñecido como Portelo, algo irónico cando hoxe Lorbé é a base da maior flota pesqueira do concello e un importantísimo centro de explotación do mexillón. O porto de Dexo tiña un complicado sistema de varado, con dous grupos de guindastres que elevaban as embarcacións ata unhas rochas e, dende alí, ata o alto do cantil.








Tras pasar á esquerda da punta Rasa, aparecéusenos unha parte espectacular da costa na súa plenitude. Esta zona está chea de furnas e bufadoiros polos que bufa o vapor da auga. Fixemos paraxe nun sitio chamado precisamente punta Bufadoiro.










Como calquera iniciativa seria, tamén temos foto oficial.


Pouco despois, unhas palabras de reflexión e continuamos cara ao oeste xa en territorio de Serantes, parroquia á que pertence a tradicional vila mariñeira de Mera.






Dende a punta do Seixo Branco contémplase unha silueta da cidade moi semellante á que nos mostrou Cornide hai máis de douscentos anos. Mais o principal atractivo deste sitio é a impactante escaleira de pedra branca, con algunhas incrustacións de cuarzo, que recibe o nome de Seixo Branco. É visible dende a outra beira da ría.






E por último, contra as seis da tarde, chegamos á casa do fareiro de Mera, transformada nun interesante museu sobre a vida mariña e os sistemas de guía da baía da Coruña: a Aula do Mar. As vistas dende a terraza fan que esta sexa unha parada imprescindible. Franki, veciño de Dexo, encárgase de que todo marche ben nesta casa e exerceu de anfitrión durante a nosa visita.




A Costa de Dexo-Serantes é unha das mellores portas de entrada que ten a nosa comarca. Non só ten atractivos xeográficos ou etnográficos, no centro do Arco Ártabro é un excelente punto de observación de flora e fauna litoral.

Para nós esta excursión ten dimensión metropolitana, todo coruñés debería coñecer a contorna da súa cidade para así comprendela mellor. Por iso, dende as Conversas Galegas queremos anunciar que no futuro haberá novas excursións pedestres e temáticas!


Unha aperta e ata o próximo sábado... no local habitual!

8 de outubro de 2009

Sendeirismo: Vén coñecer a Costa de Dexo


A entrada das rías de Betanzos e Ares dende a Costa de Dexo (Julio Manuel G. P).

O próximo sábado 10 de Outubro, as Conversas Galegas trocarán o seu escenario habitual no bar Matthews polo marco natural dos cantís de Oleiros. Seguiremos unha variante do Roteiro Mariñán PR-G 87, polas parroquias de Dexo e Serantes. O traxecto dá para observar a fermosa enseada de Lorbé, a costa norte de Oleiros e varias mostras de patrimonio histórico e etnográgico.


Roteiro Mariñán PR-G 87 (Costa norte de Oleiros).

Recentemente a TVG gravou un programa sobre este camiño, coa participación de coñecidos (e ilustres!) veciños oleirenses (pódese ver aquí).

Fotogramas do programa "Botarse ao monte" da TVG (27/07/2009):


O programa é conducido polo actor Xosé Antonio Touriñán, nesta imaxe do porto de Dexo.


Diante dun dos faros de Mera co Franki, guía turístico.


Vista dos cantís de Serantes co cabo Prioriño no fondo.


Na fonte de Canabal co Kukas, un coñecido sendeirista e monitor de tempo libre.


Visita ao baradoiro de José Manuel Gómez, en Lorbé.

Ademais de potenciar a nosa fala, un obxectivo esencial das CG é coñecer o territorio galego, e desta volta observaremos a comarca dende a periferia da Coruña: unha perspectiva imprescindible para comprender a nosa cidade.

Lembrade, este sábado as Conversas non serán no Matthews, serán en Dexo. Para coñecer máis detalles, tedes ao voso dispor o enderezo de correo electrónico conversasgalegas@gmail.com .

2 de outubro de 2009

Soleira (2)

Novamente pasan polas nosas mans as opinións de Fole, con outros fragmentos de "Soleira" (Contos da néboa). Desta volta tratando da nosa fala... e dos galegos. Algunhas críticas, case 40 anos despois, aínda están de actualidade.

A NARRATIVA CURTA

Penso eu que as dúas formas verdadeiramente populares da nosa literatura son a cántiga e mailo conto. Son o gran elemento estético conservador do idioma. Hai moitos que somentes falan de cando en cando o galego, inque traten con labregos decote e fosen nados nos nosos eidos. Si non esqueceron o galego, na cidade ou na vila, é outramente porque lles gostan os contiños galegos e tamén cantar galegadas. E nada máis. Cecais se acorden dalgún poema de Curros ou algún conto de Castelao.
(...)
Polo que a min vén, o conto de tipo pantástico nin me vai nin me vén. Penso que a narración de gran valer está-máis ou menos-comprometida coa realidade. (...) A xenial invención está condicionada pola realidade. O gosto polo pantástico é máis ben un gosto de pobos arredados do seu deber, de homes que renuncian a todo inconformismo. Que non teñen máis problema que o da súa persoal comenencia. Alporízanse todos, como as pitas cando ven un cadelo, cando lles falan de dereitos, deberes ou reformas a fondo.

(...)

O ESCRITOR
(...)
A fazaña meirande dos escritores galegos sería cambea-lo noso clima moral. O clima moral, que deixa tanto que desexar nalgures, e tamén na nosa Galicia.


A SOLIDARIDADE GALEGA

(...) Antre os galegos debe haber moita máis comunicación da que hoxe hai antre Ribadeo e Tui, antre a Coruña e Verín. O galego non debe vivir isolado do galego. Tampouco a nosa prensa é tan galega como debería sere.

A concencia do que é e pode sere Galicia inda hoxe non é popular. Pra moitos galegos, a súa terra é un verde recanto na España ollada dende Madrid.



O HOME GALEGO

Do home galego díxose que era il sentimental, sofrido, cun humor seu moi gracioso.

Por sere Galicia un pobo de emigrantes, de probes que van buscar traballo a outras terras, o galego foi minusvalorado e tamén dispreciado.

Mais o galego cabal, como il debe ser, éo á forza de aldraxes. Non lle intresa, maiormente, que o gaben nin que o rebaixen. O que non lle gosta é que o confundan co andaluz, o castelán ou o levantino. Non quere sere máis que galego. Diante de Deus e diante dos homes. Con elo abonda. Pra que se seipa...

Eu pre min, a grande e laudábel condición do galego é a súa ben ademostrada tolerancia. Si vive, tamén deixa vivir.


ARENGA POLA NOSA MÚSICA
(...)
Cando Galicia deixe de cantar en galego, Galicia será nada máis que a suma de catro provincias de España.